A CIG chama a participar na concentración convocada en apoio as presas palestinas en folga de fame

Fronte o Parlamento de Galiza este martes, día 9 de maio, ás 19:00 horas

Internacional -

A CIG manifesta o seu apoio á concentración convocada por BDS Galiza para este martes día 9 de maio, ás 19:00 horas, en apoio ás presas palestinas en folga de fame desde o pasado día 17 de abril.

A acción de apoio coincidirá co debate e previsíbel aprobación dunha declaración institucional de apoio a Palestina no Parlamento galego e rematará co rexistro, na Oficina de Asuntos Exteriores da Xunta, dun texto instándoa a intervir a favor das presas.

A CIG reitera a súa solidariedade cos/coas máis de 1.500 prisioneiros e prisioneiras palestinas en folga de fame, que permanecen desde hai 3 semanas sen inxeriren vitaminas, nin glucosa, tan só auga e sal. Unha situación que non permite que o corpo resista máis alá dos 20 días. A central sindical demanda de Israel que atenda os dereitos básicos que reclaman para ter unhas condicións dignas nos cárceres, nomeadamente atención médica axeitada, visitas familiares e poderse comunicar coas súas familias e considera que, do contrario, será responsábel das súas mortes.

A CIG, como membro da Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina, composta por 31 sindicatos que representan a máis de tres millóns de traballadores/as, adheriuse á declaración elaborada por esta plataforma en solidariedade coas prisioneiras e prisioneiros palestinos en cárceres israelís.

A Iniciativa Sindical Europea pola Xustiza en Palestina denuncia ademais a complicidade dos gobernos europeos e a UE coas violacións do dereito internacional e o estabelecemento dunha plataforma europea de solidariedade co pobo Palestino.

Volver