A CIG apoia a mobilización convocada polo colectivo de Emigrantes Retornados/as por unha tributación xusta

O mércores 26 de abril, ás 11:30 horas, dende a Praza de Praterías

Nacional -

A CIG apoia e fai un chamamento a participar na manifestación que a Coordinadora nacional galega de emigrantes retornados/as ten convocada para o vindeiro mércores, 26 de abril, en Santiago de Compostela, para esixir a paralización da denominada "Lei Montoro" e unha modificación da normativa tributaria que remate coa discriminación que sofren. A marcha sairá ás 11:30 horas dende a Praza de Praterías e rematará diante do Pazo do Hórreo.

Dende a Coordinadora denúnciase o espolio continuado que padecen as súas pensións por parte da Facenda española do PP, e demandan que se fixe o mesmo réxime do IRPF para as rendas das pensións, con independencia de que procedan de varios estados.

Debate no Parlmento Galego

A mobilización coincide co debate no Pleno do Parlamento Galego dunha Proposición non de Lei presentada polo BNG, en relación coa tributación das e dos emigrantes retornados e de cara a darlle unha solución definitiva.

Négasenos, por parte do PP, reparar a inxustiza e a discriminación que padecemos miles de galegos e galegas"

 Neste senso, hai que lembrar que en setembro de 2013, o Pleno do Parlamento Galego aprobou por unanimidade dous puntos dunha moción -tamén presentada polo BNG- na que se recollían as propostas da Coordinadora "para pór fin ao espolio tributario a conta das pensións de invalidez e das pensións de Alemaña". Pero esa moción recollía un terceiro punto que o PP rexeitou, referido á modificación da lei 35/2006, "que é a clave para dar solución o noso problema".

Daquela, valora o colectivo, deuse un pequeno paso "e recoñeceuse que temos razón, pero négasenos por parte do PP reparar a inxustiza e a discriminación que padecemos miles de galegos e galegas". De feito, até o momento, nin o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro, nin o Goberno español explicaron que actuacións van realizar para darlle cumprimento a estes acordos.

A isto hai que engadir que a finais de marzo pasado, a Comisión de Peticións da Eurocámara acordou remitir unha carta ao goberno español, á Comisión Europea e ao Consello de Europa  para informar da situación fiscal das persoas afectadas e, ao tempo, instar ao executivo estatal a atender as demandas dos/as retornados/as.

Neste senso, a Coordinadora destaca que as diferentes plataformas nas que se agrupa o colectivo levan catro mobilizándose de xeito continuado contra un sistema discriminatorio que penaliza as súas pensións. "Non aceptamos esta inxusta e discriminatoria situación e pedimos a solidariedade de toda a cidadanía con este colectivo de máis de 250.000 mulleres e homes forzados a emigrar pola ditadura franquista cando eramos mozos/as e estafados/as e maltratados/as polo Reino de España ao volver á terra, xa xubilados e xubiladas", afirman.

Cales son as demandas do colectivo?

1. Modificación na maior brevidade posíbel da Lei 35/2006, garantíndolles unha tributación xusta e igualitaria ás pensións percibidas no estranxeiro e idéntica a do resto dos e das pensionistas, evitando a discriminación que supón o feito de ter dous pagadores e evitando prexuízos de dupla imposición. Estabelecer un sistema claro e sinxelo e garantir que non se aplique con carácter retroactivo.

2. Axilizar a devolución de oficio de todos os cobros indebidos realizados até este momento a todos e todas as emigrantes retornados e, singularmente, a todas aquelas persoas que percibiron pensións procedentes de Alemaña, que con anterioridade ao ano 2013 estaban exentas de tributación no Estado español segundo o artigo 19 do convenio hispanoalemán (tal como acreditan numerosas sentenzas xudiciais do TXSG), sen que teñan que preitear as persoas afectadas individualmente para que se lles repare o seu dereito.

3. Solicítase o mesmo en relación coas persoas que acrediten ter unha declaración de incapacidade equiparábel á absoluta ou gran invalidez, exentas segundo o disposto no artigo 7 da Lei 35/2006, estabelecendo para tal acreditación un método áxil e eficaz. Que se resolvan, de inmediato, as centos de peticións presentadas nas oficinas da Axencia Tributaria en Galiza por emigrantes retornados/as, nas que solicitan que se proceda a reclamar do Instituto Nacional da Seguridade Social a realización do pertinente informe pericial sobre a correspondencia en grado da incapacidade laboral recoñecida á persoa interesada no país no que estivo emigrada.                                                                       

Volver