A CIG logra subir a representación no comité provincial da ITV na Coruña

Aínda presentando candidatura nun só colexio, a central logrou máis votos que a suma obtida por CCOO
A Coruña - 21 Dec 2016

A CIG conseguiu incrementar a súa representación nas eleccións sindicais celebradas nos centros de ITV da provincia da Coruña, de modo que pasa de tres a catro delegados no Comité provincial. A pesar de presentar candidatura nun só colexio, a central recibiu máis votos que a suma dos votos conseguidos por CCOO nos dous colexios.

A CIG finalmente non puido presentar candidatura no colexio de técnicos, onde se elixen 3 representantes, que foron para Comisións Obreiras. Porén, a suma de votos recibidos polas dúas listas presentadas por CCOO  acadou os 64 votos, mentres que a CIG logrou 72 votos presentándose só no colexio de especialistas.

Dende a CIG-Industria quérese agradecer a confianza depositada polos traballadores e traballadoras na candidatura da central nacionalista, que confirma e reforza "a liña sindical independente, combativa e asemblearia" desenvolvida até o de agora.

Este resultado tamén implica que a CIG terá maior número de representantes na mesa de negociación do convenio e, polo tanto, máis forza para defender e loitar por un convenio que recolla verdadeiras melloras laborais e salariais para o persoal.