A CIG considera indignante que ASPEL pretenda colar unha proposta á baixa despois de 67 días de folga

Lugo - 21 Dec 2023

A terceira reunión da mediación rematou sen avances, despois de que ASPEL intentara "colar" unha contraproposta inferior á trasladada na última reunión. Esta actitude evidencia ás claras que a patronal estatal non ten ningunha intención de resolver o conflito nin dignificar as condicións laborais e salariais das traballadoras, mentres as administracións llo sigan consentindo.

Aínda que na anterior xuntanza as partes se comprometeran cos mediadores a pasar propostas de cara a achegar posturas, ASPEL non remitiu ningunha oferta e incluso apareceu cunha contraproposta económica inferior á presentada na última reunión. Diante desta manobra indignante, o propio mediador solicitou un receso para que a patronal refixera a súa proposta.

Finalmente, ASPEL propuxo, en materia económica, unha suba do 2% para 2022, do 3,5% para o ano 2023 (con efectos retroactivos a 1 de xullo), do 4% para 2024, do 3,5% para o ano 2025 e do 3,25% para 2026, mais sen ningunha cláusula de revisión salarial e a cambio de estabelecer unha contía fixa para o cálculo dos trienios que se aplicaría en 2024, 2025 e 2026.

"Con respecto á pasada semana o único que fixeron foi moverse o 0,50% no ano 2023 e o 0,25% para o ano 2026 e ampliar de outubro a xullo a reatroactividade. É dicir, unha miseria para unhas empresas que obteñen beneficios millonarios e un insulto para as traballadoras que levan 67 días en folga", denunciou Asunción Castiñeira, representante da CIG-Servizos.

Despois de moito valorar, e co ánimo de desbloquear a situación, a parte social amosou a disposición a aceptar o prezo fixo da antigüidade sempre e cando se garanta que a 1 de xaneiro de 2027 se recupere o importe do 4% do salario base por cada trienio. "Pero así xa non lles valía", critica Castiñeira, indicando que até a fin da vixencia do convenio "os contratos coas administracións iranse renovando e as empresas teñen moitas fórmulas para repercutir este custe".

Pero "o que pretende ASPEL é recortar os poucos dereitos que hai no convenio sen asumir ningún tipo de garantía para que logo sexa moi difícil recuperalos", alerta. "Tampouco queren aceptar que se estabeleza unha cláusula de revisión para impedir que as traballadoras sigan perdendo poder adquisitivo no futuro, aínda que propuxemos varias fórmulas: ao corte, a final de vixencia etc. Nada lles vale".

Por se non fora abondo, a patronal ameazou con retirar esta proposta se non hai acordo antes de finalizar o ano. "Que saiban que a nosas demandas tampouco serán as mesmas se non hai convenio e a folga se estende a 2024. As traballadoras están fartas e non van aceptar máis explotación e soldos de miseria", asevera. A próxima xuntanza quedou fixada para o 28 de decembro.

A patronal quere consolidar a pobreza laboral

Para Castiñeira a reunión de hoxe serviu para constatar, máis unha vez, que o único obxectivo da patronal estatal nesta negociación é consolidar a pobreza e a precariedade laboral, recortar os dereitos conquistados e non garantir unhas táboas salariais sequera ao nivel do SMI.

Por iso, reitera o chamamento ás administracións públicas a que interveñan de maneira decidida no conflito para garantir unhas condicións dignas nun sector altamente feminizado como é o da limpeza. "Xa está ben de botar balóns fóra e de que Xunta diga que non pode facer nada. A situación que estamos vivindo en Lugo vaise trasladar ao resto das provincias nas que se está negociando o convenio da limpeza, porque ASPEL ten a mesma postura en todas as mesas".