A CIG convoca ao persoal dos centros de chamadas a un referendo o 2 de maio

“Os/as traballadores/as teñen dereito a decidir se queren o preacordo de convenio ou non”

Nacional -

A CIG convoca un referendo para someter aos cadros de persoal o preacordo de Convenio Estatal de Contact Center, asinado o pasado 31 de marzo a patronal estatal ACCE e as organizacións CCOO e UGT, despois de que estas organizacións non o convocaran.

“O persoal ten dereito a decidir se quere ese preacordo, ou non”, din dende a CIG-Centros chamadas, “os traballadores e traballadoras non somos parvos, nin estamos na época do despotismo, debemos ter a última palabra”. Así xustifican a convocatoria deste referendo para o vindeiro 2 de maio no que as mais de 6.000 persoas que traballan no sector en Galiza poderán exercer o seu dereito ao voto.

O certo é que esta iniciativa da CIG non é nova, o sindicato nacionalista abandeira a rexeneración democrática no sector e xa a plataforma presentada na mesa negociadora naceu dun proceso participativo aberto a todos os cadros de persoal, que estableceu salarios e conciliación coma os puntos de maior importancia.

A data elixida tampouco semella xa casual, dende a CIG-centros de chamadas din que “o vindeiro 2 de maio mentres as cúpulas sindicais de CCOO e UGT de Madrid gozarán dun día festivo, os traballadores e traballadoras  galegos erguerémonos contra a súa actuación despótica e antidemocrática”. Os festivos galegos e locais son hábiles no convenio estatal.

Dende a CIG, que defenden no referendo o “non” ao preacordo, din que en caso de que gañe a súa posición trasladarán a CCOO e UGT o rexeitamento dos traballadores e traballadoras galegos ao preacordo. Lembrando que foi en Galiza onde se deu a maior a loita por un Convenio Xusto, xa que foi onde houbo máis convocatorias de paros, folgas e manifestacións.

Volver