A CIG convoca folga no comercio de alimentación de Pontevedra ante a parálise do convenio

A xornada de paro de 24 horas terá lugar este venres 23 de xuño, coincidindo coa prevista en Lugo
Pontevedra - 19 Xun 2023

A CIG convoca folga o venres día 23 de xuño ante a parálise da negociación do convenio provincial de comercio alimentación como consecuencia das propostas insuficientes achegadas pola patronal. A decisión foi anunciada este venres pola noite nas asembleas celebradas en Vigo e Pontevedra, ás que asistiron numerosas persoas traballadoras do sector afectadas por este convenio.

Responsábeis da CIG-Servizos explicaron os detalles da única proposta económica achegada pola patronal tras oito xuntanzas: aumento salarial do 2% en 2023 e do 1% en cada un dos tres anos seguintes, o que supón un 5% na totalidade da vixencia do convenio. “Estas cifras son unha autentica burla para o sector, xa que o IPC do ano anterior, 2022, rematou nun 5,7%; ademais, o empresariado négase a reducir a xornada semanal”, denuncian.

Diante disto, as numerosas persoas traballadoras do sector que participaron nas asembleas acordaron apoio a proposta da CIG de convocar folga o 23 de xuño, coincidindo coa xornada de paro prevista en Lugo. Dende a central lembran que son o sindicato maioritario na mesa de negociación, con oito representantes dun total de 15.

Finalmente, lembran que cando a CIG anunciara o pasado domingo día 11 a súa intención de convocar folga tras a proposta “indecente” das empresas, a patronal solicitou unha mediación, “quizais pensando que ían interrompela, cousa que non lles foi posíbel; de feito, nas asembleas do venres informouse que o vindeiro xoves 22 ás 22:30 terían lugar outras asembleas para abordar os avances que se puidesen producir a partir de hoxe, ademais de comezar a organizar a xornada de folga”.