A CIG convoca folga no sector das ambulancias en protesta pola parálise patronal na negociación do convenio

O paro desenvolverase este venres, 23 de setembro, e afecta a todo o persoal do transporte sanitario urxente e non urxente de Galiza

A Coruña -

A CIG ten convocada unha xornada de folga no sector das ambulancias de Galiza para o vindeiro venres, 23 de setembro, en protesta pola parálise na negociación do convenio colectivo do transporte sanitario. Denuncian que a patronal non só non achega ningunha proposta, senón que se escuda na cuestión económica para “non mover nin unha coma do convenio”.

O argumento económico, explicou en rolda de prensa Xesús Pastoriza, Secretario de Transportes da FGAMT-CIG, derívase das propias actuacións das empresas de ambulancias “que gañaron os contratos concursando á baixa”. O pasado ano, o SERGAS adxudicou os lotes do transporte sanitario urxente e este agosto resolveu o non urxente “e practicamente todas as empresas gañaron con ofertas á baixa temerarias, algunhas ofrecendo até un 12% menos do prezo estipulado”.

Como exemplo, expuxo o caso da área de Ferrolterra, onde a UTE que resultou gañadora ofertou unha rebaixa de 300.000 euros no custe total do servizo. “Agora as empresas din que non lles dá para cubrir os custes económicos, pero iso non é culpa nin das condicións do convenio nin dos traballadores e traballadoras”. De feito, AmbuPadrón (na área de Compostela) veuse obrigada a vender a AmbuIbérica “porque non podía afrontar os gastos do servizo”.

Neste senso, Pastoriza tamén apuntou á responsabilidade da administración galega por tolerar que se presenten ofertas á baixas e adxudicar os contratos e este tipo de empresas, “cando sabe que logo tentarán trasladar esta rebaixa ás condicións do seu persoal”.

Xunto a isto, tanto Pastoriza como Néstor Torea, delegado da CIG no sector, denuncian a elevada atomización que se está a producir no sector, xa que para un mesmo contrato poden concorrer multitude de empresas distintas agrupadas nunha unión temporal, chegando a existir casos de UTEs integradas por seis compañías distintas para o mesmo contrato. Esta división, ademais, dificulta a coordinación do persoal (cada un dunha empresa distinta) e “polo tanto, tamén repercute na calidade do servizo que se presta aos usuarios e usuarias”.

Demandas da parte social

As principias reivindicacións da parte social céntranse en cinco puntos:

-Restrición do contrato de prácticas. As empresas do sector, indicou Pastoriza, están recorrendo habitualmente a este tipo de contratación que lles permite ter a un traballador ou traballadora durante dous anos cun salario rebaixado no 40%. Este tipo de contratación fomenta a temporalidade, crea dúas escalas salariais entre o persoal e supón un ataque á profesionalización do sector. Ademais, engade Pastoriza, “é un magnífico instrumento da patronal para debilitar a capacidade reivindicativa dos traballadores/as”.

- Limitación no convenio da realización das horas extraordinarias. Un exceso de xornada que afecta especialmente ao persoal cos contratos máis precarios e, polo tanto, con peores salarios.

- Creación da terceira paga extraordinaria, ao igual que xa aparece recollido en boa parte dos convenios colectivos.

- Ligado aos dous puntos anteriores, “e aínda que non é a nosa principal reivindicación”, demándase un incremento salarial “que permita aos traballadores e traballadoras levar un soldo digno sen verse na obriga de ter que facer horas extras a esgalla”.

-Finalmente, outra das cuestións nas que a CIG pon especial acento refírese á prevención de riscos e á saúde laboral. “Este é un sector no que se rexistra un elevado número de lesións músculo-esqueléticas que até agora non están recoñecidas como enfermidades profesionais e polo tanto non son atendidas como tal”.

Mobilizacións na xornada de folga

Coincidindo coa xornada de folga, que afecta tanto ao transporte sanitario urxente como ao non urxente, o persoal vai realizar mobilizacións nas distintas áreas e concentracións nos hospitais de referencia. No caso concreto da Coruña, esta programada unha caravana de vehículos que sairá ás 11:00 horas da explanada do edificio de sindicatos.

Pastoriza advertiu que esta xornada de paro “non é o final, senón o inicio das accións de protesta. É un primeiro aviso de que estamos dispostos a mobilizarnos en defensa dun convenio digno”.

Volver