A CIG convoca mobilizacións en defensa das pensións públicas e pola recuperación dos dereitos

O domingo 15 de abril haberá manifestacións e concentracións ao longo de toda Galiza

Nacional -

A CIG vai desenvolver unha xornada nacional de mobilizacións o domingo 15 de abril, en defensa do sistema público de pensións, pola recuperación dos dereitos roubados e para reivindicar emprego e salarios dignos, como única garantía de termos unhas pensións dignas. Nese día, a central convocará mobilizacións simultáneas nas sete cidades e en múltiples vilas do país co obxectivo de descentralizar as protestas e visibilizar o amplo rexeitamento social ás políticas dos gobernos do PP.

Esta iniciativa enmárcase na campaña que a central sindical está desenvolvendo para esixir a derrogación das reformas antisociais e antiobreiras aprobadas baixo a escusa da crise económica, e que centrará tamén a conmemoración deste Primeiro de Maio. Previamente, a CIG porá en marcha unha campaña para levar aos centros de traballo o debate sobre a necesidade de defender o sistema público de pensións, xa que a reivindicación dunhas pensións dignas "é unha loita que abrangue a toda a clase traballadora".

É o momento de dar unha resposta contundente

A solidariedade interxeracional constitúe un dos piares da protección social do estado de benestar e conquistar este dereito supuxo décadas de loita obreira, que agora toca defender con firmeza. Por iso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, subliña que é o momento de acumular forzas e dar unha resposta contundente que obrigue o Goberno do PP a derrogación das reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, xa que esta "é a única alternativa para articular medidas que garantan, de verdade, a viabilidade do sistema público de pensións, o seu poder adquisitivo e que as pensións mínimas sexan iguais ao salario mínimo interprofesional".

Nesta liña, Carril sostén que "temos que plantarlles cara e defendernos, vencer as reformas laborais e acadarmos unhas condicións de traballo e de vida dignas. A clase traballadora ten que dar esta resposta como sempre fixo, a través dunha folga xeral que obrigue ao PP a recuar nas súas políticas".

Reformas para favorecer os plans de pensións privados

As reformas aplicadas en 2011 (polo Goberno do PSOE, co apoio de CCOO e UGT, e contra da que a CIG convocou unha folga xeral en solitario) e en 2013 (polo Goberno do PP) introduciron recortes tremendamente regresivos dirixidos a dificultar o acceso as pensións públicas e a rebaixar as súas contías: atraso da idade de xubilación; aumento dos anos de cálculo para o cómputo da base reguladora; incremento do número de anos para cobrar a pensión completa; desligar as subas anuais do IPC oficial e a introdución do chamado factor de sustentabilidade, que se comezará a aplicar a partir de 2019.

Estas medidas provocaron unha importante perda de poder adquisitivo das e dos pensionistas e están ocasionando que as galegas e galegos que acceden agora á xubilación o fagan percibindo contías inferiores a quen accedeu en anos anteriores. Por iso, para a CIG non deixa de resultar rechamante que, organizacións que facilitaron a implantación destes recortes e día tras día reeditan a lacra do pacto social que nos está levando a que se consolide unha situación social sen saída, con total descaro corran agora a convocar protestas, cando tamén son causantes, xunto co PP e PSOE, destes ataques ás pensións.

Lexislar para favorecer as grandes empresas e a banca

A única posibilidade de termos pensións xustas pasa pola derrogación das reformas feitas polo PSOE e o PP

Doutra banda, a reforma laboral e da negociación colectiva facilitan que as empresas rebaixen os salarios e que se multipliquen os contratos a tempo parcial e temporal, consolidando así un mercado laboral precarizado e unha caída agudizada das cotizacións, que merma tanto os ingresos actuais do sistema como as posibilidades de acceder a unha pensión digna no futuro ás persoas que hoxe está en activo. Non cómpre perder de vista un dato significativo: en 2011, cun número similar de cotizantes ao de 2017, a Seguridade Social obtivo 2.300 millóns de euros de superávit. Porén, no 2017, ingresáronse 8.900 millóns de euros menos.

De xeito paralelo, o goberno promoveu medidas para subvencionar as contratacións precarias, modificou o imposto de sociedades para favorecer as grandes empresas, rebaixou os impostos directos ás rendas máis altas e incorporou desgravacións fiscais aos plans privados de pensións. Esta batería de medidas nada inocentes veu acompañado da construción dun relato catastrofista no que todo o público aparece etiquetado como "inviábel", nomeadamente o sistema público de pensións, garante da cohesión social, mais tamén negocio millonario do que banca e as grandes empresas queren apropiarse.

"A única posibilidade de termos pensións dignas pasa pola derrogación das reformas feitas polo PSOE e polo PP", conclúe Carril, e fai un chamado a participar coa CIG na xornada de mobilizacións do 15 de abril para demostrar que "nin nos resignamos nin imos permitir máis agresións á clase traballadora, que é a que realmente crea a riqueza existente".

15 de abril - Xornada Nacional de Mobilizacións 

Pontevedra: 11:30h Praza da Ferrería
Vilagarcía: 12:00h Casa do Mar
A Estrada: 11:30h Praza do Mercado
Lugo: 12:00h Diante do Concello
Sarria: 12:00h Praza da Vila
Guitiriz: 12:00h Praza da Feira
Monforte: 12:00h Diante do Concello
Burela: 12:00h Praza da Mariña
Ribadeo: 12:00h Diante do Concello
Vilalba: 12:00h Praza da Constitución
Ferrol: 12:00h Praza Amada García
As Pontes: 12:00h Diante do concello
Santiago: 12:00h Praza do Toural
Padrón: 12:00h Biblioteca Municipal (Rúa Fonte da Vila)
Boiro: 12:00h Diante do Concello
Noia: 12:00h Diante do Concello
A Coruña: 12:00h Praza de Vigo
Cee: 12:00h Praza do Concello
Vigo: 12:00h Vía Norte
Moaña: 12:00h Diante do Concello (Rúa ás Barxas)
Ourense: 11:30h Praza do Ferro
Verín: 12:00h Praza do Concello
O Barco: 12:00h Diante do Hospital Comarcal

Volver