A CIG cualifica a súa exclusión da xuntanza convocada por Valerio en Galiza de “sectaria, antidemocrática e inxusta”

O Secretariado Confederal acordou dirixirse á ministra de Traballo para reprocharlle a súa actitude
Nacional - 14 Nov 2018

O Secretariado Confederal da CIG acordou, na xuntanza celebrada onte martes, día 13 de novembro, dirixirse hoxe mesmo á ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social para reprocharlle que excluíra á central sindical da xuntanza celebrada o domingo día 11 coas organizacións patronais e con organizacións sindicais.

Así, na carta remitida hoxe á Ministra, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lémbralle que “somos a primeira central sindical en Galiza, maioritaria, e que ostenta de acordo coa lexislación española, a condición de máis representativa desde o ano 1982”.

Lémbralle ademais que “desde a toma de posesión deste Goberno e do seu nomeamento, solicitamos en varias ocasións, xuntanza con vostede, sen que a día de hoxe teñamos resposta”.

Carril repróchalle a Valerio tamén que a CIG tivera coñecemento da xuntanza celebrada en Galiza o pasado domingo, con ocasión dunha visita a Galiza, “polos medios de comunicación social” e que a central sindical non fora convocada.

Nese sentido afirma que “este feito, que vostede protagonizou, de excluírnos desta reunión e de actuar negando a nosa existencia, é dun grave desprezo para miles de traballadores e traballadoras de Galiza, representantes sindicais e afiliados e afiliadas da nosa organización”.

O secretario xeral da CIG manifesta ademais, en representación da central sindical, que “estas formas de proceder demostran unha falta de consideración ás mínimas normas de cortesía e respecto institucional. Ademais de ser profundamente sectarias, antidemocráticas e inxustas, ao excluír a organizacións, como a nosa, que lle reitero, temos a condición de central sindical máis representativa, ademais de maioritaria”.

Xunto a isto, Paulo Carril sinala que o feito de que o goberno substancie as relacións sindicais de forma simplificada con só dúas organizacións, ou utilizando a concertación e o diálogo social como materialización das mesmas, “é unha perversión do marco legal, nomeadamente da Lei Orgánica de Liberdade Sindical”.

Conclúe por isto que “o feito incontestábel e imparábel da existencia dunha pluralidade de organizacións sindicais coa condición de máis representativa no Estado español, mal que lles pese, non o poden seguir negando e combatendo”.