Foto: Olaia Sendón (tirada de Sermos Galiza)

A CIG da CRTVG denuncia a “inadmisíbel equidistancia” do director xeral no caso de acoso a Iria Pinheiro

Di que era “necesario e inaprazábel” o afastamento do director do programa ‘Con amor e compañía’

Nacional -

Ante a medida adoptada polo xirector xeral da CRTVG, de cesamento do director do programa "Con amor e compañía", a sección sindical da CIG no ente manifesta que era "necesario e inaprazábel" o afastamento deste director, José Luís Viñas Orta, “de calquera produción relacionada coa TVG”, polo acoso á actriz Iria Pinheiro. Entende porén que Sánchez Izquierdo “non ten dereito” a resolver un caso de acoso tan grave como este “desde a equidistancia, recorrendo como escusa á “presunción de inocencia”, que é unha figura xurídica que deben dirimir os tribunais e para o que existe a inversión da carga da proba”.

A sección sindical da CIG entende que Sánchez Izquierdo debería estar máis preocupado de que non se repitan estes feitos no futuro “que de defender a presunción de inocencia do acosador”. Pregúntase ademais “que foi o que ocorreu para a CRTVG non ter coñecemento desta situación de acoso mantida durante tres meses e comunicada por Iria Pinheiro á produtora xefe e ao presentador do programa para tentar mudar as cousas”.

Xunto a isto, a sección sindical da CIG cuestiona onde estaba o departamento de responsabilidade social da CRTVG ou as produtoras delegadas e asegura que nun modelo de produción compartida (metade propia, metade externa) son necesarias “producións delegadas reais e efectivas que velen pola legalidade e os principios inspiradores da actuación da radiotelevisión pública, todo isto quedando perfectamente reflectido no contrato de produción”.

Restitución de dereitos laborais a Iria Pinheiro

Por outra parte, ante unha situación de acoso laboral que acaba coa perda do posto de traballo por parte da agredida, sexa porque a despiden, sexa porque decida irse “ante unha situación de acoso insoportábel”, pregunta “que vai facer a CRTVG para garantir que se lle respecten e restitúan os dereitos laborais a Iria Pinheiro”.

Diante de todas estas cuestións, a sección sindical da CIG da CRTVG empraza ao director xeral da compañía a “ir pensando en dar resposta, e canto antes, a todas estas preguntas”.

Volver