A CIG de Lugo rexeita a decisión do Goberno español de non autorizar a creación do 4º Xulgado do Social

A central mobilizouse na Subdelegación para esixir a posta en marcha urxente da nova sala
Lugo - 22 Feb 2019

A Unión Comarcal da CIG Lugo - A Mariña realizou este venres unha concentración diante da Subdelegación do Goberno para rexeitar a decisión política do Ministerio de Xustiza de non autorizar o tan demandado e necesario 4º Xulgado do Social para a provincia. A CIG condena "coa máxima dureza" esta insólita decisión do PSOE, a pesar de ser unha proposta elevada pola comisión mixta formada pola Xunta de Galiza e o TSXG.

A CIG de Lugo-A Mariña recalca o inaudito desta postura, xa que, por norma, desde o Goberno do Estado se respectan as propostas da comisión mixta. Porén, nesta ocasión, das tres salas do Social solicitadas dende Galiza, o Executivo español só deu o visto bo á creación dun novo xulgado en Vigo, denegando as unidades para Santiago e Lugo.  Neste senso, o secretario comarcal da CIG, Antonio Niño, valoraba que a decisión amosa tamén o escaso peso político da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e do presidente da Deputación, Darío Campos, fronte a outros líderes socialistas galegos.

A clase traballadora, a gran prexudicada

A decisión do Ministerio, advirte o secretario comarcal da CIG, deixa no máis absoluto desamparo e indefensión a milleiros de traballadores/as e familias da provincia de Lugo que se ven condenados e condenadas a agardar por procesos xudiciais que se prolongan durante anos para poder resolver os seus dereitos laborais nos xulgados, mentres a patronal se beneficia desta situación que lle permite precarizar as condicións de traballo, "aínda máis do que as reformas laborais". "Unha vez máis, vemos para quen goberna o PSOE, pois con esta decisión, que non ten precedentes, só está favorecendo a patronal, mentres a clase traballadora é a gran prexudicada e a que paga os atrasos na xustiza", asevera Niño.

A este respecto, o sindicalista apunta ao feito de que o TSXG acaba de nomear unha xuíza de reforzo durante seis meses para Lugo (o prazo previsto para a posta en funcionamento do xulgado de autorizarse a súa creación), recoñecendo así a necesidade obxectiva dunha nova sala do Social. "Aínda que o reforzo  non é máis que un parche, dende a CIG pedimos esta figura como medida transitoria até a apertura da nova unidade, que agora o Ministerio denega".

A CIG vén reivindicando dende o ano 2015 a creación deste órgano cunha campaña que incluíu diversas concentracións, roldas de prensa e unha manifestación o pasado 25 de outubro. Por iso, diante deste novo escenario, a central sindical retomará a campaña, tanto a nivel institucional como nas rúas, para demandar a urxente implantación do cuarto xulgado.

Os procesos non urxentes, fixados para dentro de dous anos

A necesidade de reforzar a xurisdición social na provincia de Lugo queda patente se temos en conta que se están a realizar citacións nos procedementos non urxentes (reclamacións de cantidades, incapacidades, etc.), para o ano 2021. Pero este colapso non se debe á lentitude nas resolucións, -o índice de solución de asuntos é superior ao que se dá en cidades como Pontevedra ou Ourense-, senón á acumulación continuada no tempo de expedientes pola falta do cuarto xulgado.

Exceptuando A Coruña e Vigo (cidades que case triplican a poboación da capital lucense), Lugo é cidade galega na que máis asuntos entran nos xulgados do social.