A CIG-Ourense denuncia que UGT e CCOO pactaron en Adolfo Domínguez os paros laborais de mulleres do 8-M

Cualifican de hipócrita unha decisión coa que se pretende boicotear a folga convocada para ese día

Ourense -

A Secretaría das Mulleres da CIG de Ourense vén de denunciar publicamente que os sindicatos UGT e CCOO, en colaboración coa empresa Adolfo Domínguez, están a convocar ao cadro de persoal a un paro simbólico de 15 minutos logo do descanso, “dispendio económico que corre por conta do propio Adolfo Domínguez e que de paso pretende boicotear a convocatoria de folga mundial de mulleres do 8 de Marzo”.

A secretaria das Mulleres da CIG-Ourense, Xulia González, considera unha hipocrisía que sindicatos que están enchendo as rúas da cidade chamando á folga “apañen cunha empresa nada destacada pola defensa da igualdade entre mulleres e homes un acordo de cara á galería que non ten máis percorrido que a foto que poda facerse no momento”. 

É unha hipocrisía que enchan as rúas chamando á folga e logo apañen coa empresa un acordo de cara á galería

Diante disto, dende a central fan un chamamento ás mulleres a participar nos paros parciais en cada unha das quendas de traballo (de 00:00 a 02:00 horas; de 12:00 a14: 00 horas; e de 19:30 a 21:30 horas) e nas mobilizacións convocadas o vindeiro 8 de marzo para reivindicar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nas condicións de traballo e na esfera social e o dereito a vivir sen violencia.

“Temos que visibilizar o traballo achegado polas mulleres ao mundo; paramos para esixir xustiza; paremos para que entendan que non imos permitir máis ataques aos nosos dereitos”, sostén González.

Volver