A CIG-Vigo mobilízase polas rúas da cidade en defensa do sistema público de pensións

A central analizou en asemblea o estado das pensións e trasladouse en manifestación até o INSS
Vigo - 24 Xan 2017

A CIG-Vigo desenvolveu hoxe unha xornada para “quentar motores” de cara á manifestación nacional en defensa do sistema público de pensións que terá lugar en Santiago este sábado. A central desenvolveu unha asemblea de delegados/as na que se analizaron os principais retos aos que se enfrontan as pensións “presentes e futuras” e a continuación desprazouse en manifestación até a sede do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).

O secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, foi a encargado de abrir a asemblea cunha intervención na que lembrou que as mobilizacións en defensa das pensións fan parte da campaña que vén de encetar o sindicato a nivel nacional para recuperar “os dereitos que nos foron roubados coa escusa da crise económica” e que incluirá novas protestas comarcais en febreiro e marzo. Gonçalves fixo un chamamento a participar en todos os actos que se convoquen de agora en diante porque se trata de “defender cuestións que nos afectan á clase traballadora no seu conxunto”.

A continuación tomou a palabra Luis Burgos, do Gabinete Técnico Confederal da CIG, que fixo unha breve exposición sobre os principais retos aos que se enfronta o sistema público de pensións ante a ofensiva da dereita e do capital. Burgos explicou que o problema das pensións non é a redución do número de cotizantes á Seguridade Social, senón o reparto da riqueza. “Cartos hai, o que pasa é que están moi mal repartidos”. Tamén incidiu en que ten que ser o Estado o que garanta unhas pensións que se están a converter “nun novo negocio para a banca” e sinalou que precisamente as últimas reformas foron orientadas a que esta función estatal perdese peso.

“Foron introducindo un modelo no que son as aportacións á Seguridade Social as que financian as pensións, ademais de poñerlle un tope á súa revalorización e garantir que canto máis tempo vivamos menos imos cobrar”. Neste senso, alertou sobre o futuro das mesmas: “a xente nova ten que ser consciente de que ou cambian as cousas ou van ter unhas pensións de miseria”. Aínda que, segundo denunciou, o 49% das pensións do Estado español xa están por debaixo do umbral da pobreza.

Tamén censurou que nos últimos anos se estea a producir unha “degradación programada” das pensións -“que non deberan ser nunca inferiores ao salario mínimo”-, ao tempo que se potencian os plans de pensións privados -“que desgravan”- e elevaron as reducións e bonificacións ás grandes empresas. As persoas que máis cobran tamén están a ser beneficiadas mediante unha fiscalidade moi baixa, ademais de permitirse unha gran bolsa de fraude fiscal (que os expertos/as cifran en 90.000 millóns de euros).

Manifestación até INSS

Ao remate da asemblea celebrada na parroquia do Cristo da Vitoria, na que tamén tomaron a palabra algúns dos participantes, celebrouse unha manifestación que percorreu parte da Avenida Castelao até a sede do o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS). Os delegados/as sindicais permaneceron concentrados diante do edificio berrando consignas en defensa das pensións, tras o que se deu lectura un comunicado por parte do voceiro do Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG de Vigo.