A CIG defende no Parlamento que a cuestión enerxética “é política, non técnica”

Fernando Branco, Secretario de Enerxía da CIG-Industria, compareceu en comisión parlamentaria

Nacional -

O Parlamento de Galiza tomaba en consideración, o 26 de xaneiro de 2016, a ILP “por unha tarifa eléctrica galega e contra a pobreza enerxética” presentada pola CIG e apoiada por máis de 18.000 sinaturas, 3 Deputacións e máis de 50 Concellos. Pasados 16 meses, onte comparecía na Comisión de Industria e Enerxía, en representación da central sindical, Fernando Branco, secretario de Enerxía da CIG-Industria, quen insistiu en que “non estamos diante dunha cuestión técnica, senón dunha decisión política”.

Na súa comparecencia, Branco comezou chamando a atención sobre o “pouco habitual” que é que se abra un trámite de comparecencias “no que, en rigor xa é un Proxecto de Lei”, e aínda máis sobre o perfil das persoas chamadas a comparecer.

A este respecto, considerou que “é un erro” que  o Partido Popular pretenda presentar as cuestións arredor das que se fundamenta a ILP como se se tratase dun debate técnico porque, segundo afirmou “o funcionamento diario do sector eléctrico, unha mercadoría que se produce e consume no mesmo instante, é efectivamente técnico, mais as cuestións propostas na ILP son políticas” ao igual que “todo o que rodea ao sector eléctrico”.

Para demostralo lembrou o recente pacto entre o PNV e o Goberno do Estado para a aprobación dos orzamentos xerais, “cando se acorda eliminar a peaxe 6.1B, creada hai só tres anos” e produto doutro pacto semellante a coñecida como a euskopeaxe, “pasando as industrias consumidoras á peaxe 6.2, un 33% máis barata”. Unha demanda á que agora se suman as forzas políticas catalás e o propio Goberno da Generalitat, que xa solicitou formalmente o mesmo trato para a industria de Catalunya.

No mesmo sentido sinalou tamén que respecto da política enerxética, a ILP contemplaba a participación pública da Xunta de Galiza no sector eléctrico; o establecemento dunha Tarifa Eléctrica Galega; o desenvolvemento de Enerxías Renovábeis e apoio ao Autoconsumo; a aplicación de medidas de fomento e aforro enerxético, a inclusión de Galiza no actual Plano do Carbón e unha tarifa industrial estábel.

Xunto a isto subliñou que no relativo á pobreza enerxética a ILP prevía definir a Pobreza Enerxética, considerar como un dereito o acceso á enerxía e que se asumira como responsabilidade da Xunta de Galiza garantilo. Cuestións, todas elas, “políticas e non técnicas, como así o considerou o Parlamento de Galiza cando decidiu tomar en consideración a Iniciativa da CIG”, lembrou.

Tarifa Eléctrica Galega

Para xustificar a demanda dunha tarifa eléctrica galega Branco sinalou que hai que ter en conta, xunto o feito de sermos excedentarios e exportarmos entre o 30 e o 40% da electricidade que producimos, os custos sociais e medioambientais que isto ten: asolagamento de vales, expropiacións de terras, desaparición de poboacións ou contaminación, entre outros.

E non só iso, “somos solidarios/as cos custes extrapeninsulares e nos custes de transporte a comunidades moi deficitarias, como Madrid, por exemplo; pagamos vía tarifa, tamén solidariamente, as axudas ao carbón español que favorece a sustentabilidade económica en determinadas comarcas, ningunha na Galiza”, afirmou.

A isto engadiu que Galiza e as galegas e galegos, vía tarifas, “contribuímos á retribución, por decisión política, de determinadas tecnoloxías de xeración, como son os Pagos por Capacidade, Primas ás Renovábeis e tamén foi, até datas recentes, a Moratoria Nuclear”. Fronte a isto denunciou que “non hai ningunha solidariedade con quen produce”.

Tarifa única no Estado

O representante da CIG cuestionou ademais que o PP se ampare na defensa dunha tarifa única no Estado, máis cando este partido, cando estaba no goberno, aprobou Leis do Sector Eléctrico nas que se contempla a posibilidade de crear suplementos territoriais en comunidades autónomas ou concellos, na mesma cantidade que o recadado por tributos propios ao negocio eléctrico.

Suplementos que, segundo explicou, xa son unha realidade porque, logo da aprobación do Real Decreto-lei 20/2012, e por Sentenza Xudicial, xa son obrigatorios para o ano 2013 e, de feito, vanse aplicar en Castela-A Mancha (12,3 M€), Valencia 3,9 M€), Catalunya (142.000 €) e a Rioxa (16.500 €), e para o resto das Comunidades, incluída Galiza, hai un Auto do Tribunal Supremo que da de prazo até o 10 de xuño deste ano para a súa concreción.

Diante disto, Fernando Branco preguntou por que, se hai suplementos territoriais, “non podemos impulsar unha modificación da Lei que recolla bonificacións nas peaxes pola nosa condición excedentaria e xa que tamén somos solidarios”. Pregunta á que el mesmo deu resposta asegurando que isto o que constata é que “non é un problema técnico, é político”.

Para Branco todas estas cuestións evidencian que no Sector Eléctrico hai espazo para pactos políticos e modificacións tarifarias. Por iso considerou incomprensíbel que Galiza non poda demandar un trato xusto e que se admita para os carburantes diferentes prezos segundo a Comunidade Autónoma na que se estea  e isto non sexa posíbel para a electricidade.

Peaxes únicas no Estado

O representante da CIG recoñeceu que, por Lei, as peaxes de acceso son únicas no Estado e que isto podería impedir termos unha Tarifa propia, aínda que xa se comprobou que se poden crear peaxes novas como pactou o PNV. Matizou, en todo caso, que “nós non defendemos, de momento, mudar as peaxes, que poden seguir sendo únicas no Estado, o que pedimos é unha bonificación, semellante ao que se fai cos suplementos territoriais, pero rebaixando o seu custe”.

Pobreza enerxética

A respecto da cuestión da pobreza enerxética Branco lembrou que a ILP propón unha definición concreta deste concepto, que concibe a enerxía (electricidade e gas) como un dereito e que entende que o seu subministro ás familias nesa situación é responsabilidade das Administracións Públicas.

A este respecto afirmou que “non se trata de substituír este dereito por unha esmola, por un ticket, nin un bono temporal e que, ademais, no caso do Estado Español, non está ligado a criterios de renda”.

Volver