A CIG defenderá o mantemento de todos os postos de traballo na planta de Calvo en Esteiro

Ponse do lado das traballadoras que defenden a continuidade da conserveira na ría de Muros

Muros -

A CIG seguirá loitando polo mantemento de todos os postos de traballo da Conserveira de Esteiro S.A. na ría de Muros. Ponse así a carón das 40 traballadoras/es que co seu voto apostaron por esta alternativa antes de asumir, sen a cuestionar, a proposta da empresa. O Grupo Calvo pretende trasladar para Carballo a actividade da conserveira alegando unhas causas económicas, organizativas e produtivas que, segundo o estudo económico feito pola central sindical, non están avaladas polas contas da empresa.

Segundo explica Teresa Vidal, representante da CIG das Rías, o pasado martes celebrouse unha xuntanza coa empresa na que as organizacións sindicais con representación no comité debateron sobre a pertinencia ou non de repetir a consulta realizada á asemblea de traballadoras/es. “UGT tiña moita presa por negociar directamente as condicións do traslado e defendeu que o persoal xa tomara unha decisión, pero nós e CCOO defendemos reunir de novo ás traballadoras e que estas deran a súa opinión con voto secreto”.

Vidal lembra que aquela asemblea se realizara logo de que directivos da conserveira reuniran ás traballadoras e puxeran sobre a mesa, como única alternativa, o traslado. A votación se realizara ademais a man alzada. Por iso entende que era imprescindíbel que a votación se repetira.

Onte mesmo o comité volveuse reunir para acordar como se desenvolvería finalmente esa votación pero, segundo a representante da CIG, os de UGT chegaron cun novo asesor e volveron defender que a votación non se realizara. Tras un intenso debate os membros do comité de UGT accederon.

A pregunta que tiñan que votar as traballadoras era se querían que se negociara xa o traslado ou se consideraban que había que defender primeiro o mantemento dos postos de traballo en Esteiro e adiar en todo caso a negociación até o inicio do período de consultas.

A votación celebrouse esta mañá, entre as 11:00 e as 12:00 horas co resultado de 48 votos a favor de negociar xa; 40 votos a favor de defender os postos de traballo na comarca e 1 abstención.

Consecuencias para a comarca

Para a CIG é imprescindíbel defender a continuidade da empresa na ría de Muros non só polos 300 postos de traballo, entre directos e indirectos, que supón para a comarca, senón mesmo polos custos económicos que tería para unha zona deprimida como esa. Ten en conta ademais que na súa maioría –o 90%- son postos de traballo ocupados por mulleres e que esta é a única empresa importante da zona de Muros-Noia.

O traslado da actividade desta planta para Carballo afectaría a concellos como Carnota, Muros, Serra de Outes e Noia que dependen desta conserveira, do marisqueo ou da pesca artesanal.

Vidal advirte ademais que detrás da decisión do Grupo Calvo atópase a pretensión de que as traballadoras acaben por acollerse a baixas incentivadas, porque vai ser moi difícil que soporten as xornadas de traballo máis hora e media de viaxe de ida e outro tanto de volta.

Sen xustificación económica

Tamén rexeita as causas alegadas pola empresa. Segundo o informe elaborado polo Gabinete Económico da CIG a “Conservera de Esteiro S.A” ten como único accionista a Luís Calvo Sanz S.A, sociedade cabeceira do grupo.

Practicamente a totalidade das compras e vendas da empresa se realizan con outras sociedades do grupo, sobre todo con Calvo Conservas S.L.U. e mesmo unha parte importante dos outros gastos de explotación e a totalidade dos gastos financeiros son con sociedades vencelladas. Ademais, utiliza un sistema centralizado de tesourería.

No informe técnico do experto “independente” presentado pola empresa non se fai nin unha soa mención ás contas consolidadas do grupo e  nin sequera se facilitaron aos representantes das traballadores. A CIG entende que isto se fixo así porque a situación do grupo (ese que controla vendas, compras, impostos e até a caixa de CONSERVERA DE ESTEIRO S.A.) desminte contundentemente a ficción dunha realidade obxectiva que xustifique medidas lesivas para os traballadores.

No último exercicio (2016), a cifra de negocios do grupo ascendeu a 575.353.769 euros, case un 5% máis que no exercicio precedente e os beneficios finais (isto é, despois mesmo de impostos) ascenderon a 31.273.281 euros, case triplicando (+175%) os xa importantes beneficios do exercicio precedente (11.369.022 €).

A sociedade dominante do grupo (LUIS CALVO SANZ S.A.), atribúese 24.240.374 € de beneficios, destinando a dividendos (ou sexa, distribuíndo aos socios) 15.636.641 € e deixando só 8.603.733 € en reservas voluntarias (isto é, “reinvestindo” no grupo apenas un terzo dos beneficios, mentres que os dous terzos restantes marcharon para o peto dos accionistas). En 2015 xa viñan de repartir dividendos por valor de 5.684.505 € (p. 13, CCAA consolidadas 2016)

Ademais, o consello de administración da sociedade dominante incrementou as súas remuneracións no último exercicio nun 7,3%. Unha situación económica que explica porque non se entregaron as contas consolidadas nin se fixo mención a elas no informe do experto independente.

Volver