A CIG demanda a adopción de medidas urxentes ante a vaga de lumes que asola Ourense

Exixe a dimisión do Director Xeral de Montes por non reforzar a prevención ante as previsións
Nacional - 15 Set 2020

Numerosos incendios asolaron durante toda a fin de semana –e seguen asolando- Galiza, afectando especialmente á provincia de Ourense, onde arderon -segundo datos da propia Xunta- máis de 9.000 has en tan só dous días. A CIG-Administración Autonómica denuncia a falta de previsión e demanda, ante esta situación, a adopción de medidas urxentes que vaian máis alá de agardar a que chova.

Nestes momentos moitos dos incendios que asolan Galiza están activos e con grandes dificultades de control. Un destes incendios afectou gravemente ao Parque Natural do Xurés e á súa reserva integral (calcinando, segundo indican os medios máis de 3000 has), pero tamén se viron afectadas outras zonas de masas forestais de grande valor, vivendas, cultivos, granxas e infraestruturas, pondo en perigo á poboación. En medio de toda esta situación,  o Director Xeral de Defensa do Monte nunhas declaracións á RTVG manifestou que “xa esperaban unha forte actividade incendiaria”.

A CIG entende que a situación metereolóxica favoreceu esta situación, pero “o que non se entende é que sabendo que isto ía suceder non se adoptaran medidas excepcionais de prevención e reforzos específicos de vixilancia nestas zonas así como nos espazos alto valor ambiental. Esta situacion é repetida e tres anos despois dos lumes acaecidos en outubro de 2017, seguen sen implantarse moitas das accións que se recollían no informe do grupo de expertos, a pesares do compromiso explícito da Xunta. “Segue sen facerse unha verdadeira política preventiva e sen dotar ao SPIF dos medios materiais e persoais suficientes”.

Fortalecer o sistema de prevención

Independentemente de instar á Xunta de Galiza a actuar neste sentido e fortalecer, dunha vez, o sistema de defensa contra incendios na Galiza, ademais de avaliar as responsabilidades da consellería, a CIG exixe actuación urxentes:

  • A cobertura urxente de vacantes e baixas
  • Débese dar información aos delegados dos comités de seguridade e saúde laboral dos accidentes acaecidos nestes días nos lumes (dos que temos coñecemento polos medios de comunicación ou polo propio persoal do SPIF), pero sobre todo deben cubrirse as baixas que se xeneran de xeito urxente para non comprometer as brigadas.
  • Asegurar que os protocolos de coordinación e intendencia nos lumes están a funcionar e dar as instruccións precisas xa que o sistema esta superado nos distritos de máis actividade incendiaria
  • Solicitar axuda e coordinarse coa consellería de Medio Ambiente e Vivenda para dispor do persoal de campo con criterios de vixilancia preventiva e dirección e apoio na extinción.
  • Activar todas as torretas ou vixilancias fixas que temos (o 50% están pechadas) para que podan facer detección precoz dos incendios
  • Apartar da responsabilidade ao equipo que leva anos na dirección da extinción de incendios forestais que se recoñece incapaz en base as declaracións vertidas polo Director Xeral de Defensa do Monte.

Para a Confederación Intersindical Galega os danos no patrimonio natural e forestal da Galiza, nas infraestruturas, vivendas e o risco vital que xeran os incendios forestais son de grande preocupación e importancia. Defendemos un servizo publico forte, dotado capacitado e seguro, e hoxe queremos de novo transmitir o apoio e forza incondicional a todo o persoal que nestes días esta a loitar contra o lume na nosa patria.