A CIG demanda a aplicación do V Convenio do persoal laboral da Xunta de Galiza para todas as traballadoras/es do Consorcio

A central exixe a apertura inmediata de novas listas de agarda para o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar

Compostela -

Persoal do Consorcio e representantes da CIG concentraronse esta mañá diante da sede do Consorcio galego de Igualdade e Benestar e en centros de traballo de toda Galiza en demanda da aplicación do V Convenio do Persoal laboral da Xunta de Galiza para todas as traballadoras/es deste organismo público. Xunto isto exixiron a apertura inmediata de novas listas de agarda. 

Galería de imaxes

Con estas concentracións iníciase un calendario de mobilizacións que se repetirán todos os xoves diante dos distintos centros de traballo do Consorcio no país. O persoal demanda a inmediata apertura de negociacións para a súa inclusión no V Convenio, de cara a conseguir o recoñecemento duns dereitos que de forma sistemática lles son negados.

O vindeiro curso precisaranse un mínimo de 100 novas prazas

Debido á diminución dos cadros de persoal dos centros de traballo, polas sucesivas amortizacións de persoal, urxe máis que nunca a apertura das listaxes de agarda do persoal do Consorcio, non só para cubrir as case 100 prazas de nova creación, senón tamén para atender as necesidades das propias traballadoras e traballadores.

A CIG considera que é “inaceptábel” que a mala xestión da Xerencia do Consorcio, negándose a abrir as listas de substitucións, tal e como lle solicitou a CIG en sucesivas ocasións, “leve a que as traballadoras e traballadores teñan que aprazar as súas visitas médicas ou renunciar a días de asuntos propios para que as Galescolas poidan seguir funcionando”.

O persoal do Consorcio leva nos seus postos de traballo desde o ano 2.007, sen posibilidade de permutar nin de participar nun concurso de traslados, polo que a creación destas 100 prazas é a mellor  oportunidade para emendar esta situación e acabar coas prácticas caciquís e servís do partido popular.

En consecuencia, a CIG exixe que se oferten estas prazas tan necesarias ao persoal do Consorcio en concurso de traslados interno e que as resultas ou vacantes deste concurso sexan cubertas nunha oferta pública e transparente.

Volver