A CIG esixe a elaboración urxente dun protocolo fronte ao acoso no Concello de Lalín

Denuncia que o persoal municipal carece dun instrumento específico para actuar ante situacións de acoso sexual, laboral ou por razón de sexo
Lalín - 04 Mar 2026

A sección sindical da CIG no Concello de Lalín vén de rexistrar formalmente a solicitude de convocatoria urxente da Mesa Xeral de Negociación co obxectivo de iniciar a elaboración e aprobación dun protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual, laboral ou por razón de sexo.

Desde a central lembran que non se trata dunha cuestión voluntaria nin discrecional, senón dunha obriga legal das administracións públicas. A propia Constitución Española recoñece a dignidade da persoa e o dereito á integridade física e moral, mentres que a Lei Orgánica 3/2007 impón ás administracións o deber de promover condicións de traballo que eviten o acoso e de establecer procedementos específicos para canalizar denuncias. Do mesmo xeito, a Lei 31/1995 obriga a garantir unha protección eficaz fronte aos riscos psicosociais no ámbito laboral. 

Non pode haber improvisación nin silencio ante unha situación de acoso. A Administración ten a responsabilidade de dotarse de ferramentas claras, confidenciais e garantistas para actuar

A CIG denuncia que, a día de hoxe, o Concello de Lalín non conta cun protocolo específico, formalmente aprobado e negociado coa representación legal do persoal, o que deixa as persoas traballadoras nunha situación de desprotección e xera inseguridade xurídica para a propia institución.

“Non pode haber improvisación nin silencio ante unha situación de acoso. A Administración ten a responsabilidade de dotarse de ferramentas claras, confidenciais e garantistas para actuar”, sinalan desde a sección sindical.

Neste senso, subliñan que o acoso sexual, por razón de sexo ou laboral non pode ser tratado como un conflito persoal, senón como unha vulneración grave de dereitos e unha forma de violencia no ámbito do traballo.

Finalmente, desde a CIG advirten de que seguirán insistindo na convocatoria inmediata da Mesa Xeral de Negociación e na aprobación dun protocolo que non sexa meramente formal, senón unha ferramenta real de prevención e actuación. “A dignidade no traballo non é negociábel. No Concello de Lalín non pode haber medo a denunciar nin baleiros normativos ante situacións de acoso”, conclúen.

Principais medidas que a CIG considera que ten que recoller o protocolo
  • A existencia dun procedemento claro, con prazos e garantías.
  • A creación dunha canle de denuncia segura e confidencial.
  • A designación dunha comisión imparcial con formación específica en igualdade e prevención.
  • Medidas de protección efectiva para as persoas denunciantes.