A CIG demanda que as enfermidades da voz sexan consideradas enfermidades profesionais no sector do telemárketing

Ante a conmemoración o sábado 16 de abril, do Día Mundial da Voz
A Coruña - 15 Abr 2016
Co gallo da celebración este sábado, 16 de abril, do Día Mundial da Voz, a Confederación Intersindical Galega quere reivindicar que as enfermidades da voz sexan consideradas como enfermidades profesionais nos centros de chamadas, un sector que está en medre e expansión no mercado laboral actual.

Neste senso, dende a Federación de Banca da CIG apuntan que en países do noso entorno, como Gran Bretaña, ou en países considerados emerxentes, como a India ou Brasil, téñense realizado estudos sobre o impacto das enfermidades relacionadas coa voz entre os teleoperadores e teleoperadoras, resultando que entre o 40% e o 60% das persoas que traballan no sector sofren problemas e enfermidades relacionadas coa voz.

Porén, nin o Estado español, nin a Xunta de Galiza teñen feito nada a este respecto, a pesar de ser o sector das compañías de telemárketing un sector que ten medrado dentro do mercado laboral na última década dunha forma moi importante, quedando milleiros de traballadores e traballadoras sen políticas preventivas, a pesar da grande exposición a padecer enfermidades da voz á que están expostos nos seus postos de traballo.

Desgrazadamente para as persoas que traballan de teleoperadores e teleoperadoras padecer enfermidades de voz provoca diminucións nos seus ingresos debido ás baixas por I.T. e moitas veces a perda do seu posto de traballo. Certo é que desde o ano 2003 os nódulos están declarados como enfermidade profesional, “mais non as afonías e disfonías, as cales poden ser unha fase previa dos nódulos, e que tamén deberan de ser consideradas como enfermidades profesionais”.

Nos sucesivos convenios colectivos estatais non se contemplan os problemas da voz, o que permite que non se tomen medidas que impidan que a saúde das traballadora e traballadores se continúe a deteriorar até o punto en ocasións de xerar que sexan vítimas de despedimentos por tal motivo. Igualmente as Mutuas evitan a súa responsabilidade non considerando o carácter laboral deste tipo de enfermidades.