A CIG defende que se manteña a filial do Banco Pastor en Galiza

Demanda un pronunciamento da Xunta polo que suporía para a nosa economía perder esta filial

Nacional -

O Banco Santander convocou este xoves á representación legal das traballadoras  e traballadores dos bancos Santander, Popular e Pastor para constituír a mesa de negociación para a converxencia das condicións laborais e a homoxeneización –que non homologación- dos beneficios sociais existentes en ambos grupos en previsión da próxima integración xurídica das tres entidades nunha única. A CIG-Banca xa adiantou que defenderá a mellora das condicións laborais, o mantemento dos postos de traballo e que se manteña a filial ‘Pastor’ pola relevancia que ten para Galiza. Demanda, por iso, un pronunciamento ao respecto do goberno galego.

A representante da CIG-Banca, Rosa Conde, explica que da xuntanza celebrada este xoves se desprende que ao final do proceso o que se pretende é unificar e centralizar todo na marca Santander desprendéndose da filial Banco Pastor. Diante diso subliña que para a central sindical “é moi importante que se manteña en Galiza, tanto do punto de vista do negocio, como do punto de vista do emprego” mais tamén porque “é unha empresa que tributa aquí, porque ten a súa sede na Coruña; porque permite unha maior cercanía ao mercado galego e porque facilita que se apoie con maior efectividade a economía produtiva en Galiza”.

Doutro xeito advirte que as decisións pasarán a centralizarse en Madrid, no Banco Santander o que “prexudica a toma de decisións a nivel de inversión por parte do banco en Galiza aínda que saibamos que sendo unha filial as decisións últimas se tomarían no Santander, pero mantendo a filial garántese maior proximidade”.

Cota de mercado

Conde lamenta a desaparición de todas as entidades do país e sinala que “a única significativa que quedaría é Abanca, que é o noso maior competidor”. Subliña que o Santander, coa entrada no Banco Pastor, conseguiu converterse na segunda entidade en cota de mercado en Galiza chegando case ao 29%. “Por iso queremos remarcar a importancia desta cuestión, tanto do punto de vista do emprego como desde o punto de vista do negocio”, afirma.

Neste sentido, a representante da CIG lembra que na última Xunta de Accionistas o conselleiro delegado do Banco Santander dixo que para eles era moi importante non perder esa cota de mercado acadada coa compra do Popular e do Pastor. Diante disto advirte de que “a desaparición desa fililal suporía unha perda importante desa cota de mercado porque hai competidores inmediatos que están perfectamente identificados co mercado galego e que están agardando precisamente a que o Santander tome esa decisión”.

Lembra ademais que o pasado mes de xuño o propio Presidente da Xunta se comprometeu a mediar coa dirección do Banco Santander para que esta filial de Banco Pastor e a súa estrutura financeira se mantivera en Galiza. Por iso a CIG-Banca demanda un pronunciamento ao respecto dos máximos responsábeis políticos galegos sobre esta desaparición da filial de Banco Pastor polo que suporía para a economía galega.

Mesa de negociación

A mesa, cuxa constitución viña reclamando a CIG desde xuño de 2017, contará con 15 representantes de todas as organizacións sindicais con presenza nas tres empresas, respectando a representatividade, a nivel de grupo, e tendo en conta a que se teña a nivel autonómico e de empresa, tal e como recolle a normativa laboral.

A toma de decisións farase en función de representatividade global a nivel de grupo e por parte da CIG acudirá unha persoa como titular e outra como asesora.

O banco informou de que os traballos de integración tecnolóxica están avanzados e esperan que a finais do verán poidan facer probas en oficina para testar a súa efectividade.

Aplicación cando se produza a integración

O acordo resultante da negociación será de aplicación en toda a súa extensión unha vez se produza a integración xurídica das tres entidades.

A ese respecto a CIG-Banca xa manifestou a necesidade de que este proceso de converxencia sexa aproveitado para mellorar as condicións laborais do cadro de persoal resultante, recollendo o mellor de cada entidade. Condicións que o propio banco considera que son mellores, en termos globais, no Santander.

En todo caso, esta primeira xuntanza foi só para constituír a mesa e non se entraron a debater cuestións de fondo.

A CIG-Banca informa de que a próxima xuntanza, na que xa agardan coñecer as verdadeiras intencións da empresa, terá lugar o vindeiro día 27 de abril.

Volver