A CIG demanda reconfigurar o sistema eléctrico, suprimir cargos da factura e unha tarifa eléctrica galega

Defende a intervención pública fronte a inacción de Feixó e os "parches" do Goberno do Estado
Nacional - 25 Out 2021

A CIG expuxo esta mañá, en rolda de prensa, as alegacións presentadas pola central sindical ao trámite de modificación do prezo voluntario ao pequeno consumidor do Ministerio de Transición Enerxética que finalizou o pasado venres. Unha comparecencia na que o secretario xeral, Paulo Carril, demandou a urxente intervención pública para que se implante unha tarifa eléctrica que garanta unha vida digna e un desenvolvemento económico, social e industrial que cree postos de traballo.

Neste sentido, o responsable de Enerxía da CIG, Fernando Branco, considerou que o goberno do Estado e a propia Xunta de Galiza “están superados polos altos custos da electricidade e outros combustíbeis”; que solucións como a que onte anunciou o presidente do goberno, de destinar 100 millóns de euros para consumidores/as vulnerábeis e empresas demostran que “están parcheando” e que, fronte a isto, “hai que parar e hai que facer unha reflexión conxunta do sistema eléctrico, a comezar polo mercado marxinalista, os cargos do sistema, a fiscalidade e todo o que compón a factura”.

Denunciou que a actual situación está a provocar “que as tarifas sexan tan caras” e que “permite perversións como que a tecnoloxía máis barata do sector, como a hidroeléctrica, marque o prezo máis alto do pool en moitas horas do día”, superando os 200€ mw/h cando non supera en custo real os 7€ mw/h.

Lembrou que a CIG presentara tamén alegacións o pasado mes de marzo, cando se modificaron os cargos de peaxes do sistema e se estableceu un novo sistema horario que comezou a funcionar a principios de verán. “A realidade é que o novo sistema horario, que eles poñían como o máis barato, é o máis caro”, lamentou.

Por iso apostou por ir á raíz do problema e “non atoparnos nesta situación que está provocando a paralización de sectores produtivos, unha suba da tarifa tremenda para a clase traballadora por un imposto realmente regresivo”, que é a base da actual crise enerxética.

Non se vai poder vivir con dignidade

Branco subliñou que a enerxía é un ben de primeira necesidade, o que obriga aos poderes públicos a recoñecela como un dereito universal de todas as persoas ao benestar social” e advertiu que cos prezos da electricidade e dos carburantes e co medre exponencial da inflación, isto “vai causar que aquí non haxa quen vaia poder vivir con dignidade”.

Para rebaixar de maneira inmediata o prezo da factura eléctrica propuxo unha baixada dos impostos que gravan o seu consumo e que se asuma o custe que deixa de repercutirse ás/aos consumidores nos Orzamentos Xerais do Estado. Neste sentido, pediu a derrogación do imposto especial da electricidade; demandou rebaixar o IVE ao 4%; reclamou que se libere a factura das peaxes e cargos asociados ao fomento das renovábeis, das anualidades para pagar o déficit de tarifa e dos custes extra-preninsulares.

Tarifa eléctrica galega

Paulo Carril CIG chamou a superar o “prezo único” para todo o territorio do Estado español porque, “cada vez é menos certo” e porque é inxusto para Galiza, que ten a “indiscutíbel condición de produtora”, soportando desde hai décadas “o forte, agresivo e duro impacto” derivado das instalacións de xeración de electricidade.

Así apuntou o paradoxo de Galiza “ter que soportar, como xa ten sucedido, non redución do recibo eléctrico, senón recargos polos denominados suplementos territoriais”, mentres os lugares de destino desta enerxía “están a salvo do mesmo, ou mesmo beneficiados por bonificacións e mecanismos de redución da factura”, dixo.

Por iso demandou para as/os consumidores de territorios produtores, como Galiza, que non se integre na PVPC a peaxe de transportepola proximidade dos centros de xeración, pola eficiencia enerxética, ao non producirse perdas de tensión, e polo forte impacto no territorio da rede e infraestrutura de evacuación e subministro aos centros de consumo”.

Propuxo ademais fixar unha bonificación polo impulso das renovábeis, unha redución do 10% da tarifa eléctrica mensual a todo consumidor/a domiciliado na comunidade onde, no ano natural anterior, se dea ao mesmo tempo “unha produción de enerxía eléctrica por fontes renovábeis igual ou superior ao 70% da produción total da comunidade autónoma e se exporte unha porcentaxe igual ou superior ao 30%”. 

Propostas para unha transición enerxética xusta

O secretario xeral da CIG lembrou as propostas que vén facendo a central sindical para unha transición enerxética xusta, que pasan porque na asignación de novas instalacións de produción de enerxía renovábeis que se implanten se atenda a criterios ambientais e sociais; que veñan vinculados a plans industriais propostos para a súa implantación nos territorios afectados e con compromisos de participación pública no capital social do proxecto.

Ademais, subliñou que a implantación de parques eólicos e das súas liñas de evacuación “obriga a unha modificación da lexislación para que as/os propietarios/as do monte e das terras afectadas teñan capacidade de negociación coas promotoras dos parques eólicos”.

Carril considerou rechamante o “triunfalismo do Goberno español” na presentación dos Orzamentos Xerais do Estado confiando a recuperación da economía ao medre do consumo interno, sobre todo dos fogares.

Lamentou que o goberno galego siga “na máis absoluta pasividade”, sen tomar a iniciativa para “adoptar medidas coas que baixe o prezo da electricidade” e que Feixó “teña máis preocupación en andar por España adiante mentres Galiza vai á ruína. Xa está ben que o Goberno galego redobre os esforzos por satisfacer ás grandes empresas eléctricas, que explotan os nosos ríos e os nosos montes, que por facer valer as competencias que ten neste materia, que aínda que limitadas, existen para conseguir abaratar o prezo da electricidade”.

E concluíu afirmando que “xogar ao despiste coa falsa moratoria na tramitación dos parques eólicos, sen adoptar medidas como as que desde a CIG vimos propoñendo para o sector enerxético, en xeral, como en relación co boon eólico, en particular é unha nova mostra de grande e grave irresponsabilidade do PP”.