A CIG denuncia a chantaxe da empresa avícola SADA ao persoal de falsa cooperativa Servicarne

Pretende modificarlle as condicións laborais cun proceso selectivo e hoxe despediu a catro persoas
Lugo - 18 Feb 2019

A CIG quere denunciar as actuacións irregulares e as represalias que está a adoptar a empresa SADA PA Castilla Galicia SA (da multinacional Nutreco), contra daqueles traballadores e traballadoras procedentes da falsa cooperativa Servicarne, a quen está obrigando a que asuman unhas condicións laborais distintas ás que tiñan, como paso previo para seren incorporados/as no seu cadro de persoal propio.

SADA PA Castilla Galicia SA pertence ao sector de matadoiros de aves e coellos e é pioneira na introdución de produtos de alto valor engadido e de calidade neste sector. Porén, dende que se destapou o conflito dos falsos autónomos, a empresa negouse sistematicamente a asumir o persoal de Servicarne e, aínda que este foi dado de alta de oficio no Réxime Xeral da Seguridade Social a instancias da Inspección de Traballo, non se lles estaba a efectivizar a cotización como tal, nin foron asumidos como persoal propio. 

A actuación de SADA ía así na liña contraria do que estaban a facer outras empresas do sector que, se ben teñen recorrido a decisión da Inspección, acordaron asumir como persoal propio os traballadores e traballadoras da falsa cooperativa, garantíndolles, polo tanto, as cotizacións dende o verán pasado.

Malia o anterior, cómpre subliñar que a totalidade das empresas do sector non asumen as cotizacións dos anos anteriores que lles aplicou a Inspección polo que, diante deste incumprimento, están todas demandas de oficio pola Seguridade Social.

A empresa pretende manter a precariedade laboral

Neste contexto, SADA PA Castilla Galicia, con 8 meses de atraso respecto dos seus competidores, decide formalizar a rescisión de contrato coa falsa cooperativa no día de hoxe, mais sen que isto supoña asumir a totalidade do persoal que xa lle deu de alta a Inspección de Traballo. Desta maneira, a empresa de Castro Riberas de Lea iniciou, sen garantías para o persoal da falsa cooperativa, un proceso de selección a través do que pretende modificar as súas condicións laborais, obrigando a estes empregados/as a asumir unhas condicións distintas para acceder aos seus postos de traballo.

Dende a CIG e dende o propio comité indicóuselle á empresa que non procedía a realización de ningún procedemento selectivo e/ou contractual, nin vulnerar as condicións de quenda, posto de traballo e antigüidade deste persoal.

A actuación de SADA contra os dereitos dos traballadores tivo o seu máximo expoñente hoxe co despedimento de, cando menos, catro persoas que non cederon a esta chantaxe da empresa.  Por iso, dende a CIG denunciamos esta actuación así como a irregularidade dos contratos realizados a este persoal que procede dunha fonda situación de precariedade na falsa cooperativa, e a quen se pretende perpetuar nestas condicións na empresa principal.