A CIG denuncia a desidia da Dirección Xeral de Xustiza ante a inundación do arquivo xudicial da Fábrica de Tabacos

A Coruña - 02 Xul 2018

O persoal de xustiza que se encarga do arquivo xudicial da Audiencia Provincial da Coruña atopouse esta mañá con moreas de expedientes enchoupados e esparexidos por todo o soto da Fábrica de Tabacos, a causa da inundación que sufriu o edificio polas choivas desta fin de semana. A pesar deste desastre, nestes momentos só hai dúas persoas (unha técnica e unha auxiliar) tentando organizar,  limpar e salvar os expedientes como boamente poden, posto que ningunha persoa con responsabilidade na Dirección Xeral de Xustiza se achegou até o edificio para avaliar o alcance dos danos.

Que as dependencias do arquivo están asolagadas é coñecido pola Consellaría de Xustiza cando menos dende onte, xa que o domingo a empresa encargada do mantemento do edificio estivo realizando labores de limpeza, polo que  a zona da maquinaria está seca e limpa. Porén, as estancias nas que se gardan os expedientes xudiciais (tanto dos procedementos xa rematados como dos que están abertos) permanecen empapadas e só hai dúas traballadoras recollendo arquivos na zona afectada.

Dende CIG-Xustiza denuncian a escaseza de persoal destinado ao arquivo xa que actualmente só hai catro persoas para a xestión do arquivo de máis de 30 órganos xudiciais. "Esta é a primeira vez que pasa algo así, pero seguirá ocorrendo, porque dende a inauguración das novas instalacións da Audiencia xa se sabía que estas dependencias se poden inundar facilmente porque están por debaixo do nivel do mar", advirte Chelo Rodríguez, delegada da CIG en Xustiza.

A central sindical reclama unha actuación inmediata da Consellaría para resolver a situación xerada, que se avalíen de inmediato os danos ocasionados pola inundación, que se dote co persoal necesario o arquivo xudicial e se tomen as medidas adecuadas para que no futuro non se volvan repetir problemas similares.