A CIG denuncia a ruptura unilateral das negociacións por parte da Alcaldía do Concello de Boimorto
A CIG rexeita a decisión grave e inxustificada da Alcaldía do Concello de Boimorto de paralizar de maneira unilateral as negociacións que durante máis de dous anos se desenvolveron entre todas as organizacións sindicais con representación e o Goberno municipal para avanzar na mellora das condicións laborais e salariais do persoal.
“Foron máis de dous anos de reunións, propostas, cesións e traballo serio por parte das organizacións sindicais. Froito dese esforzo colectivo acadáronse textos consensuados que recollen melloras necesarias e xustas para o persoal municipal”, subliña a representación da CIG. Critican que a paralización destes acordos, fóra da mesa e sen comunicación formal, “supón unha falta de respecto institucional, unha quebra evidente da boa fe negociadora e ademais senta un precedente perigoso nas relacións laborais neste Concello”.
Cómpre avanzar nos dereitos salariais e laborais
Lembran, ademais, que a maioría do persoal municipal percibe na actualidade o salario mínimo interprofesional, “unha realidade que evidencia a necesidade urxente de melloras laborais e retributivas”, polo que resulta especialmente grave e irresponsábel “bloquear acordos xa consensuados”.
Entre outras materias, apunta José María Calatayud, representante da CIG na mesa de negociación, estase negociando o convenio colectivo do persoal laboral para actualizar dereitos e ordenar as diferencias nas condicións laborais e salariais que existen entre o persoal que realiza as mesmas tarefas e funcións. “Había un texto de convenio colectivo pechado artigo por artigo, pero no último momento a alcaldesa decidiu adiar as negociacións e levamos agardando meses para asinar e poder aplicalo”, lamenta.
Outro documento fundamental para a Administración local que se está a negociar é a nova Relación de Postos de Traballo (RPT), aínda que neste caso está pendente o apartado económico debido as limitacións orzamentarias do Concello. Porén, as dificultades económicas “non poden converterse nunha coartada para bloquear o conxunto das negociacións nin para incumprir compromisos adquiridos. Mesturar deliberadamente cuestións económicas pendentes con materias xa pechadas é unha manobra inaceptábel”.
Traballo sindical transparente
Pola súa parte, o Concello pretende xustificar a súa decisión en acusacións xenéricas sobre unha suposta falta de transparencia sindical. Unha afirmación que Calatayud rexeita de plano, destacando que se convocou asemblea xeral aberta para informar con detalle do estado das negociacións, responder preguntas e escoitar as inquedanzas do persoal. “Actuamos con responsabilidade, claridade e total transparencia. E non imos permitir que se poña en dúbida o traballo honesto e rigoroso realizado pola representación sindical, nin que se utilicen opinións interesadas como pretexto para frear acordos xa pechados”, reitera.
Por iso, a CIG esixe a inmediata reactivación das negociacións e respecto íntegro aos textos xa consensuados; e avanza que, de non producirse unha rectificación, resérvase o dereito de emprender “todas as accións sindicais, legais e mobilizadoras que sexan necesarias para defender a dignidade do persoal municipal e o respecto ao proceso negociador”.