A CIG denuncia a situación dos presos políticos saharauís nos cárceres do Reino de Marrocos

Demanda a celebración do referendo e a efectivización da República Árabe Saharauí Democrática (RASD)

Internacional -

A CIG segue a denunciar a situación pola que están a pasar os presos e presas políticos/as saharauís, nomeadamente as persoas activistas de GdeimIzic, que están repartidas nos cárceres marroquís. Moitas delas están enfermas e enfróntanse a condenas que van desde os 20 anos até a cadea perpetua, logo de xuízos con tribunais militares arbitrarios, sen un mínimo de garantías e cheos de irregularidades. Carecen de atención sanitaria, están sen comunicación coas súas familias, e foron humilladas, maltratadas e torturadas nos sete anos que xa levan na cadea, como acreditan organizacións na defensa dos dereitos humanos, entre outras, Amnistía Internacional ou Human Rights Watch.

A CIG denuncia tamén a situación que se está a dar nos territorios ocupados por Marrocos, explotando os seus recursos (a pesar de que xa hai sentenzas claras ao respecto de tribunais internacionais) e incumprindo de xeito reiterado as resolucións da ONU ao respecto do conflito. Isto leva ao pobo saharauí a ter que resistir contra un proceso colonizador  e de constante violación dos dereitos humanos, e a que grande parte da súa poboación teña que andar espallada na diáspora ou nos campamentos situados en territorio de Alxeria.

Xa van máis de corenta anos de loita do pobo saharauí contra o goberno de Marrocos, que segue a incumprir as resolucións dos organismos internacionais, sen que estes tomen medidas drásticas e co apoio doutros estados, nomeadamente de Francia e España que, lonxe de xogar un papel fundamental no proceso de descolonización, desentendéronse totalmente das súas responsabilidades, en aras doutros intereses estratéxicos e económicos.

Por iso a CIG quere amosar, máis unha vez, a súa solidariedade co pobo saharauí, e de xeito moi especial coa xente da UGTSARIO, organización sindical coa que mantén unha estreita relación e colaboración. A central sindical demanda do goberno de España e as institucións europeas e internacionais que tomen cartas no asunto e que, dunha vez por todas, se celebre ese referendo que xa estaba acordado e se permita ao pobo saharauí decidir sobre o seu futuro, no camiño da liberación e efectivización da xa proclamada República Árabe Saharauí Democrática (RASD).

Volver