A CIG denuncia ante os grupos parlamentarios os incumprimentos das concesionarias de transporte en ambulancia

Demanda a negociación do convenio fronte a precarización das condicións laborais
Nacional - 12 Nov 2018

Representantes da FGAMT-CIG e delegados do sector de ambulancias reuníronse esta mañá cos grupos parlamentarios para denunciar a situación na que se atopa o sector, tanto no referido ao convenio colectivo, paralizado desde hai 3 anos, como canto aos incumprimentos que se veñen producindo cos traballadores/as e coas propias ambulancias, ademais da responsabilidade que ten a Xunta en todo este asunto. 

Inicialmente tiñan previsto reunirse unicamente co PSOE, BNG e En Marea pero tras agardar no grupo do PP, conseguiron tamén ser recibidos. Segundo explica Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, os grupos da oposición comprometéronse a levar toda a problemática do sector a debate ao pleno e a sumarse á crítica á Xunta cando se abordara a pregunta parlamentaria do BNG presentada a semana pasada. Pola súa banda, desde o PP, comprometéronse a informarse de cómo está a situación no sector.

Pastoriza –co que estaban o tamén representante da CIG, Inácio Pavón, e os delegados Pablo Taboada de Lalín; Mario Rodríguez, de Santiago e Suso Rey, de Negreira- lembrou que a Xerencia do SERGAS informara da previsión de modificar os contratos en outubro no transporte sanitario non urxente, porque así o permitía o propio contrato, e que se ían adiantar -para ter todo preparado para o primeiro trimestre e en abril comezar os novos concesionarios- os do 061, conscientes de que ás empresas non lles era rendíbel. “Pero aquí non hai nin unha cousa nin a outra, polo tanto, o SERGAS enganounos”.

Denunciaron ademais que as empresas tiñan, en outubro, a obriga de renovar a flota de ambulancias pero que, no canto de facelo así, están unhas empresas prestándose ambulancias a outras, polo que considerou que o que se está producindo é “unha fraude”.

Ambulancias usadas para transportes sanitarios privados

Xunto a isto explicaron aos grupos que se están usando ambulancias contratadas polo SERGAS no transporte sanitario non urxente, que tiñan que ter exclusividade 24 horas para o SERGAS, para facer transportes sanitarios privados: seguros, mutuas e particulares, co cal “deixan sen asistencia o hospital ou cunha asistencia moito máis reducida da que tiñan que garantir”.

Pastoriza denunciou ademais que este uso indebido dos vehículos provoca máis carga de traballo para os que quedan e un deterioro na atención a doentes, porque teñen que agardar máis tempo para ser atendidos en ambulancias. 

Isto xunto coa denuncia do comportamento de Ambuibérica, que segue insistindo en facer un descolgue do convenio do 25%, o cal asegurou que “é totalmente inasumíbel” e que contou coa abstención da Xunta de Galiza na Comisión de Convenios, no Consello Galego de Relacións Laborais, o que deixou aos traballadores desta empresa, a maior do sector, nunha grave situación de incerteza.

Denunciaron ademais que o aumento da asignación do SERGAS ao 061 na proposta de orzamentos que presentou o PP, de 800.000 euros, é insuficiente para asumir os custos do aumento de prezo por ambulancia.

Implicación da Xunta 

Nas distintas xuntanzas cos grupos reiteraron tamén a súa demanda de implicación da Xunta para buscar unha solución a un conflito que ten a súa orixe na concesion deste servizo moi por debaixo do seu custe real, o que agora ademais de ter consecuencias para as condicións de traballo supón grave un deterioro do servizo que se presta aos pacientes xa que os recurtes van tamén ás condicións de hixiene e desinfección, de mantemento de ambulancias e bases e seguridade.