A CIG denuncia as dificultades para poder facer a renda de maneira presencial na AEAT

A Axencia Tributaria prima a tramitación telefónica e non ofrece citas suficientes para ir ás oficinas
Nacional - 10 Xun 2022

A CIG na Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) denuncia os problemas que están a atopar as galegas e galegos para facer a renda presencialmente. Moitas persoas solicitan cita para ir ás plataformas de Renda, nas delegacións e administracións da AEAT e, cando chegan, descobren que o sistema para pedir cita telefonicamente levounos, sen decatarse, a solicitar citas de atención telefónica.

"O perfil das persoas que solicitan acudir de maneira presencial ás oficinas da AEAT é moi determinado. Maioritariamente son ou persoas maiores ou sen acceso ás tecnoloxías dixitais e piden a cita presencial para ter a seguridade de que fan razoablemente ben a renda e que queda presentada", apuntan.

Desde a CIG-AEAT explican que a Axencia Tributaria tan só ofrece a posibilidade de acudir ás súas oficinas para que o seu persoal confeccione as declaracións da renda durante o mes de xuño. As citas ofrécense en bloques dun ou dous días, co que se complica para este perfil de persoas obter unha cita presencial para facer a renda.

Neste senso, aclaran que "cando estas persoas chegan ás oficinas da AEAT, en moitas ocasións tras facer desprazamentos desde as súas localidades de residencia, descobren que non poden acceder ás dependencias porque o sistema automatizado para pedir citas telefonicamente realmente as leva a pedir cita para o ‘Plan Le Llamamos’. Non é unha cuestión de vontade do persoal da AEAT, é como ten configurada a campaña da renda a dirección da Axencia".

A AEAT está a apostar por facer a campaña da renda practicamente só a través do ‘Plan Le Llamamos’ e deixa a atención presencial para un tramo residual da campaña. Dada a estrutura demográfica de Galiza "é algo que non compartimos desde a CIG e así vimos advertíndoo reiteradamente: é preciso máis atención presencial".

"O servizo público de calidade, a atención con garantías á cidadanía, ten que estar por enriba de calquera outra consideración que fagan os responsábeis da AEAT, e non está a ser así. Hai que dar citas suficientes para que calquera persoa poida acudir á oficina da AEAT máis próxima ao seu domicilio e facer a renda presencialmente e non é unha cousa que dependa da vontade do persoal da Axencia, senón dos seus dirixentes".

Garantir os dereitos das persoas galegofalantes

Ademais, a representación da CIG demandoulle á Delegación Especial de Galiza da AEAT que garanta os dereitos lingüísticos de toda a poboación do país. Nas plataformas de renda nos edificios da AEAT as pantallas informativas tan só ofrecen a información en castelán.

A CIG lembra que a AEAT vén de ser reprobada recentemente polo TSXG por dirixirse só en español ás persoas contribuíntes que solicitaran ser atendidas expresamente en galego. Por respecto ás galegas e aos galegos, por cumprimento da legalidade vixente e tamén por unha cuestión da propia imaxe, a AEAT debera rectificar a súa liña neste eido.