A CIG denuncia a Eulen ante a fiscalía de Ourense por vulneración da liberdade sindical

Continúa a campaña contra a represión da empresa ante o labor reivindicativo da CIG no matadoiro de Coren
Ourense - 23 Xul 2021

A CIG de Ourense vén de presentar na mañá deste venres unha denuncia ante a fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense contra a empresa Eulen, S.A. por vulneración do dereito á liberdade sindical. Continúa, así, a campaña contra a represión sindical á central nacionalista nos servizos prestados por esta empresa no matadoiro de Coren, materializada na negación do comité legalmente constituído, na sanción ao presidente do mesmo ou no despedimento dun traballador, entre outros.

Tanto a dirección da CIG de Ourense como a federación de Servizos non están dispostas a que se continúen a conculcar dereitos fundamentais contra traballadores/as e sindicalistas na empresa Eulen, S.A, capitaneada por Micaela Feijóo, irmá do presidente da Xunta e unha das principais beneficiadas en licitacións públicas por parte do goberno do PP nos últimos anos. Neste caso en concreto, trátase dos servizos prestados por esta firma no matadoiro de Coren, o cal, segundo a CIG de Ourense, garda relación coa represión padecida nos últimos tempos na cárnica ourensá durante a campaña do sindicato en prol dos dereitos dos "falsos/as autónomos/as". 

Eulen continúa a ignorar o comité lexítimo e a conculcar dereitos coa complicidade de Inspección, UGT e USO

 Segundo explican, os problemas comezaron en maio de 2020, cando a CIG, con 4 delegados/as electos en 2019 e nun contexto dificultado polo estado de alarma, constituiu legamente o comité ante a incomparecencia cómplice de UGT e USO, que un ano despois e logo das primeiras denuncias por parte da central nacionalista, conformaron un "comité fantasma" afín á empresa para suplantar o lexítimo. A dirección, pola súa parte, ignorou e negou toda representatividade ao comité presidido pola CIG, que vén de ser ratificado agora mediante unha sentenza do xulgado do social número 1 de Ourense, que anula tamén a sanción imposta ao presidente. Así e todo, e tras coñecida esta sentenza, a empresa continúa a ignorar o comité lexítimo.

Agora, a central decide subir un chanzo máis e presentar unha denuncia ante a fiscalía da Audiencia Provincial de Ourense para por fin á "vulneración constante dos dereitos laborais e sindicais" por parte da dirección, entre eles, o dereito de información, e conminan este organismo a actuar contra a conculcación dun dereito fundamental tipificado no artigo 315 do Código Penal.

Lembran, así mesmo, que as prácticas abusivas se agudizaron nos últimos tempos, coincidindo coas reivindicacións da central sindical nacionalista para mellorar as condicións de traballo, medidas de prevención contra a covid ou incrementar xornadas parciais en lugar de realizar horas extraordinarias. O secretario comarcal da CIG de Ourense, Anxo Pérez Carballo, apela tamén á necesidade de que Inspección de Traballo se implique tras meses de silencio cómplice, ademais de sinalar a UGT e USO como instrumentos da patronal para seguir a conculcar dereitos en Eulen.