A CIG denuncia falta de organización na Policía Local do Carballiño pola ausencia dunha cadea de mando efectiva

Os propios axentes traladáronlle ao alcalde o seu malestar polo funcionamento do servizo

Vigo -

A federación de Administración da CIG de Ourense vén de denunciar a falta de organización existente na Policía Local do Carballiño despois de que os propios axentes lle trasladasen ao alcalde o seu malestar polo funcionamento do servizo. Os problemas no corpo policial prodúcense ao non existir unha cadea de mando clara e efectiva, “o que pode dar en situacións de inseguridade”.

A CIG-Administración ten constancia de que en días pasados a totalidade dos membros da Policía Local que traballan a quendas no Concello do Carballiño tiveron unha xuntanza co alcalde e co concelleiro responsábel para manifestarlle o seu descontento co funcionamento do servizo.

“Este malestar ben dado por que non existe unha cadea de mando clara e efectiva, atopándose o servizo en quendas de traballo onde non existe unha xefatura efectiva no corpo, o que pode dar a situacións de inseguridade”, sosteñen.

Lembran na relación de postos de traballo do servizo de Policía Local existía a figura de sarxento/a, coas funcións de xefe/a, figura que foi amortizada e que provocou que a xefatura se crease a través dun decreto de Alcaldía, “onde non se respectan os principios de igualdade, mérito e capacidade”. Diante disto, esixen que se anule decreto e se convoque a cobertura da xefatura a través de criterios obxectivos.

“Atopámonos con que nestes momentos non se sabe cando e como está de servizo a xefatura, xa que non existe unha planificación de quendas de traballo onde figure incluída, algo imprescindíbel para o bo funcionamento do servizo”, indican.

Así, solicitan o establecemento dunhas quendas de traballo anuais onde figure a presenza e horario da xefatura do servizo, cubrindo as diferentes quendas de traballo. “Entendemos que como tal ten unha dispoñibilidade que excede o traballo habitual, pero ten que estar claro que presenzas persoais ten en quendas de mañá, tarde ou noite, porque o que non pode pasar é que non se saiba en ningún momento cando vai a estar dispoñíbel ou que na semana estea unicamente dous días sen ningún tipo de xustificación”.

Ao mesmo tempo, critican a disfunción que existe a día de hoxe cos vehículos do servizo, onde os 12 axentes que están a facer servizos a quendas están a utilizar vehículos con diferentes problemas mecánicos, “cando outros que están en perfectas condicións non se sabe que uso se fai deles”.

Por outra banda, e como xa denunciaron en diferentes ocasións, continuan sen ter un reparto obxectivo dos diferentes conceptos de produtividade, “polo que non entendemos que despois dun ano cun novo Goberno municipal non se teña artellado aínda un sistema retributivo obxectivo entre todos/as os membros do servizo”.

Volver