Denuncian irregularidades, escurantismo e desorde na xestión das listas de contratación do Consorcio

A CIG critica que nin o xerente nin a dirección xeral da Función Pública cumpren os seus compromisos

Nacional -

O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de denunciar publicamente as irregularidades, o escurantismo e a “total desorde” existente nas listas de contratación e de substitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, organismo dependente da Consellería de Política Social. Dende a central critican que a estas alturas hai listas que están desfasadas ou esgotadas, “o que dificulta os chamamentos para cubrir vacantes e substitucións”.

A CIG lamenta a falta de traballadores/as no departamento de Persoal, “xa que a pesar de que se mantén igual dende a creación do Consorcio, neste momento xestiona o triplo de persoal, preto de 2000 empregados/as”. 

A situación afecta os principios de igualdade, mérito e capacidade

Por este motivo, sinalan que a xestión das listas do Consorcio desemboca sobre todo en irregularidades e falta de transparencia na contratación de persoal. “A falta dunhas listas actualizadas, públicas e adaptadas á normativa leva a erros moi graves e dana os principios de igualdade, capacidade e mérito das traballadoras/es que queren acceder a un posto de traballo público”. Esta desorganización e falta de xestión das listas tamén provoca deslocalización e ausencias nos centros de traballo e sobrecargas no persoal.

Diante disto, sosteñen que a dirección xeral de Función Pública debe cumprir inmediatamente o seu compromiso de apertura das listas da Xunta e de crear as categorías de PSX e Xerocultor/a nesas listas para acabar cunha situación que lle causa prexuízos a moitas traballadoras/es. “Debe de deixar de poñer escusas e cumprir co acordado xa”, inciden.

Falta de transparencia

Como exemplo desta falta de transparencia citan a negativa a informar sobre quen antecede e precede nas listas, xa que non están publicadas; “ademais da discriminación por razón de sexo e da vulneración do dereito á intimidade persoal cando se lle está a preguntar ás traballadoras se están embarazadas para poder acceder a determinados destinos”.

Outro dos problemas que poñen enriba da mesa ten que ver coa tardanza en facer os chamamentos, “incluso para cubrir as vacacións das traballadoras/as, cando teñen pactado o calendario das vacacións dende o primeiro trimestre do ano”.

Volver