A CIG denuncia o “lamentable estado” da base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Castro Caldelas

Insta ao Concello a arranxar os desperfectos e a rematar coas disfuncións do servizo

Vigo -

A federación de Administración da CIG de Ourense vén de denunciar o “lamentable estado” no que se atopa a base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Castro Caldelas, até o punto de cualificalas como “insalubres”. Lembra que a Inspección de Traballo, a instancias da propia central, instou o ano pasado ao Concello a poñer fin a esta situación, “sen que até o de agora se teña feito nada”.

Dende a federación de Administración da CIG sinalan que os GES puxéronse en marcha en agosto de 2013 a raíz dun convenio de colaboración en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais subscrito entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias e as Deputacións Provinciais.

No acordo establécese que os Concellos deberán aportar unhas instalacións-base axeitadas para a prestación do servizo, permitindo a localización dos recursos humanos e materiais propios do servizo, “algo que en Castro Caldelas non se está a cumprir”.

Neste senso, critican que case tres anos despois da entrada en funcionamento do servizo “as instalacións ás que facemos referencia están nun estado lamentable, chegando incluso a poder cualificarse de insalubres”. Os desperfectos pódense comprobar perfectamente dende o exterior (cristais rotos e fiestras tapadas con cartóns, suciedade, etc.), “mais o deterioro é máis evidente, se cabe, no interior da base”.

Ao mesmo tempo, indican que a CIG se puxo en contacto co Concello de Castro Caldelas en innumerabeis ocasións “nun intento de solucionar este problema, entre outros varios que afectan o servizo, pero estas xestións nunca chegaron a dar froitos”.

Ademais, en abril de 2015 a central denuncia ante a dirección xeral da Inspección de Traballo a situación na que se atopa a base do GES. “Dous meses despois, en xuño de hai exactamente un ano, recibimos resposta na que se insta ao Goberno local a arranxar a base e a cumprir coa Lei de Prevención de Riscos Laborais, pero a día de hoxe non está nada feito”, lamentan.

Por todo isto, dende a CIG reclámanlle ao Concello de Castro Caldelas a adecuación inmediata da base dos GES e o arranxo todas as disfuncións que existen no servizo, “dignificando o traballo dos profesionais que velan as 24 horas do día pola seguridade da veciñanza”.

Volver