A CIG denuncia os constantes recortes do Sergas na atención sanitaria no Morrazo
A CIG-Saúde denuncia os constantes recortes por parte do Sergas na atención sanitaria na comarca do Morrazo e alerta de que para o departamento autonómico o PAC de Cangas-Moaña “non é prioritario”. Para reclamar o apoio destas dúas localidades ás reivindicacións da central para mellorar a asistencia na comarca coa dotación do persoal necesario, representantes sindicais reuníronse hoxe coas súas alcaldesas. O encontro coincidiu cunha nova ausencia médica no PAC, que tivo que prestar servizo cunha facultativa menos das previstas.
Para a CIG, o acontecido no PAC é un exemplo máis dunha problemática que se repite de maneira constante e que afecta directamente a atención sanitaria urxente de ambos municipios. Precisamente para abordar a situación deste servizo e as propostas da central sindical para ante a constante perda de persoal, a secretaria comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Pilar Rodríguez, e membro da executiva da Unión Local da CIG do Morrazo Óscar Graña mantiveron un encontro coas rexedoras de Cangas e Moaña, Araceli Gestido e Leticia Santos, respectivamente.
Na xuntanza os representantes sindicais trasladáronlles ás responsábeis municipais a súa preocupación pola decisión da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo de considerar o PAC de Cangas-Moaña como “non prioritario” á hora de cubrir as ausencias do persoal facultativo, xa sexan por reducións de xornada, permisos, vacacións ou situacións de incapacidade temporal.
Segundo explicou a CIG, este criterio implica que calquera outro PAC da Área Sanitaria de Vigo terá prioridade na cobertura de persoal médico fronte ao de Cangas, malia atender a dous concellos cunha elevada demanda asistencial. Como consecuencia directa desta política, no que vai de mes o PAC centralizado en Cangas atendeu con dúas médicas en lugar das tres previstas os días 2, 4, 8, 9 e 13 de xaneiro.