A CIG denuncia que a compañía viguesa Dinak está a despedir persoal que reclama o cumprimento do convenio colectivo

A central acusa a maioría do comité (CCOO) de colaborar coa dirección ao non aceptar que se celebren asembleas no centro de traballo
Vigo - 27 Mai 2016
A federación de Industria da CIG de Vigo denuncia que Dinak, empresa dedicada á fabricación de chemineas metálicas con sede en Teis, está a despedir ao persoal que reclama o cumprimento do convenio colectivo, nomeadamente en materia de categorías laborais e de xornada. Dende a central acusan a maioría do comité (CCOO) de colaborar coa dirección ao non aceptar que se celebren asembleas no centro de traballo para informar sobre a situación e tomar decisións ao respecto.

Segundo explican dende a CIG-Industria, os últimos despedimentos en Dinak producíronse a semana pasada, cando se lle rescindiu o contrato a catro traballadores, mais lembran que o pasado mes de decembro rexistráronse outros dous despidos.

En todos os casos tratábase de empregados que reclamaran o cumprimento do convenio colectivo -o provincial do sector do Metal-, especialmente en materia de categorías laborais e xornada de traballo. Os seis despedimentos producíronse no taller, onde a central nacionalista ten a maioría, mentres que CCOO foi a forza máis votada entre o persoal de técnicos/as e administrativos/as.

 Na central entenden que se trata dun claro caso de represión sindical -a pesar de que a empresa argumente que os despidos foron por causas organizativas- e anuncian que abordarán co cadro de persoal a convocatoria de paros e mobilizacións. Ao mesmo tempo, acusan á maioría do comité (6 delegados/as de CCOO e 3 da CIG) de colaborar coa dirección ao non aceptar a realización de asembleas no centro de traballo para informar da situación e tomar decisións ao respecto.

Lembran tamén que nos últimos anos a empresa xa modificara as condicións laborais do conxunto do cadro de persoal, reducindo os salarios e modificando a xornada. Os cambios incluíron a desaparición da prima de produción e a ampliación do tempo de traballo en quince minutos diarios, que era o tempo do que dispoñían os traballadores/as para o bocadillo. Con anterioridade ás modificacións computábase como xornada efectiva, pero agora eses quince minutos trasladáronse aos sábados, cando a xornada laboral era de luns a venres.

Dinak é unha empresa dedicada á fabricación de chemineas metálicas con sede no camiño do Laranxo, na Riouxa, en Teis, que na actualidade emprega arredor de 200 persoas.