A CIG denuncia que a construtora EXOGA adebeda aos seus operarios varias nóminas

Os atrasos no cobro dos salarios son habituais dende hai tempo e nestes intres teñen pendente de cobrar dúas mensualidades

A Coruña -

A Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG vén de denunciar a situación que atravesan os traballadores da empresa construtora de Santa Comba Excavaciones y Obras Públicas de Galicia SL (EXOGA), “cuxa dirección leva meses pagando as nóminas con severos atrasos, e que neste intre  adebeda á súa decena de traballadores dúas mensualidades”. Esta cantidade, subliñan, chegou a ser de 3 e até 4 meses.

Ademais, esta situación dramática para os traballadores e as súas familias dáse poucos meses despois dun ERE “que só serviu para dilatar o problema”.

Dende a FCM-CIG da Coruña explican que despois de que os traballadores se reuniran nas instalacións da empresa para esixir unha solución, a dirección da empresa, situada no Polígono Industrial de Santa Comba, estivo varios días sen dar sinais de vida, “e cando o fixo, non foi para dar unha solución, senón para ordenarlles continuar cos traballos, baixo a ameaza de "decisións disciplinarias", e sen solucionar os impagos”.

Dáse a circunstancia de que esta empresa traballa exclusivamente facendo obras públicas, sendo a súa maior obra nestes momentos unha mellora nas infraestruturas viarias públicas da localidade de Aguiño (Ribeira), financiada pola Deputación da Coruña.

A CIG tratou de comunicarse na xornada do venres coa dirección da empresa para esixir unha reunión na que se poñan sobre a mesa unha solución aos impagos, “se é que a dirección da empresa desexa continuar coa actividade. É dramático que uns traballadores cunha ampla e intachábel traxectoria profesional teñan problemas para cobrar a fin de mes, mentres que a dirección si está a cobrar as obras realizadas ao día”, denuncian.

A Federación de Construción e Madeira da CIG advirte que tomará todas as medias que sexan necesarias para defender e facer prevalecer os intereses e os dereitos destes operarios, aos que representa.

Volver