A CIG denuncia que a Dirección da EGAP converte o seu Consello Reitor nun órgano decorativo

A Escola Galega de Administración Pública responde ás críticas da CIG con autoritarismo
Nacional - 25 Set 2026

A CIG non asistiu ao Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) como medida de protesta polos reiterados atrancos impostos pola Dirección do centro á participación da única organización sindical que fiscaliza criticamente a súa xestión. A Escola tenta silenciar as críticas mediante continuas interrupcións e increpacións, restricións das intervencións, documentación remitida a última hora, actas que omiten ou cambian a información e unha prohibición selectiva á presenza de persoas asesoras da CIG nas sesións.

Esta actitude converte a participación no Consello Reitor nun trámite sen capacidade real de deliberación, control ou fiscalización, motivo polo que a CIG vén de presentar unha queixa ante o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, presidente do devandito Consello.

Única convocatoria do Consello Reitor en 2026

A sesión do 23 de setembro foi a primeira convocada en 2026, malia que o artigo 8.3 da Lei 4/1987, de creación da EGAP, obriga a reunir o Consello Reitor, como mínimo, unha vez ao trimestre. A Dirección acumula, así, numerosos asuntos nunha única sesión e remite centos de páxinas fóra da xornada laboral, deixando apenas un día para analizalas. Nestas condicións, a CIG-Administración Autonómica sinala que resulta imposíbel contrastar os datos, detectar irregularidades, preparar propostas e exercer responsablemente as funcións dunha vogalía.

O resultado é un Consello Reitor decorativo, que se convoca para cubrir o trámite, presentar decisións xa preparadas e avalar a xestión da Dirección, non para deliberar nin exercer un control efectivo.

Atrancos dirixidos contra o «sindicato crítico»

Até agora, a asistencia de persoas asesoras propostas polas organizacións sindicais foi habitual nas sesións do Consello Reitor da EGAP. Agora, a Dirección da Escola tenta  impedilo. A CIG-Administración Autonómica considera que se trata dunha decisión selectiva e discriminatoria, adoptada despois de que esixisen responsabilidades e reclamasen a dimisión da directora.

A CIG-Administración Autonómica advirte, ademais, de que a EGAP non pode continuar empregando as actas para fabricar consensos, borrar discrepancias e adaptar a memoria do órgano aos intereses da Dirección. Por este motivo, o sindicato reclámalle ao conselleiro de Facenda que as sesións se graven integramente e que se implante o sistema de audioacta, ao abeiro do art. 18.1 da Lei 40/2015.

Plans de formación unilaterais e informes autocompracentes 

A EGAP está a decidir unilateralmente e de costas á representación das persoas traballadoras a formación de ao redor de 22.000 persoas empregadas públicas do sector da Administración autonómica, motivo polo que a CIG leva anos reclamando a negociación da formación, transparencia, a publicación do rexistro de persoal formador e empresas e o cumprimento dos deberes legais en materia de normalización e capacitación profesional en galego, sen que a EGAP mude nin un milímetro a súa dinámica autoritaria.

A CIG-Administración Autonómica tampouco aproba nin as contas da EGAP nin os seus informes de resultados, que non dispoñen de información suficiente e verificábel,  só de cifras agregadas sen documentar e que non permiten ser contrastadas, e que  desvían a atención do feito de que milleiros de persoas empregadas públicas quedan sen a formación que precisan. A EGAP limítase a exhibir datos de enquisas de satisfacción da minoría que obtivo praza, pero négase a avaliar as necesidades das persoas excluídas e a realizar unha avaliación global dos plans.

Exemplos da xestión da EGAP

A  demanda desatendida cada ano da formación en linguaxe administrativa e linguaxe xurídica galegas é alarmante: 1200 prazas / 5.650 solicitudes en 2026. Trátase dunha formación singular  por responder ao mandato legal da capacitación lingüística que garante o dereito de atención en galego da cidadanía, pero este mandato é incumprido pola Dirección da EGAP de xeito reiterado, malia a telo establecido na Lei 4/1987 da súa creación.

Mentres isto sucede, a EGAP e a Secretaría Xeral da Lingua concertan con entidades privadas, como o Colexio de Enxeñeiras de Camiños, Canles e Portos, cursos restrinxidos de linguaxe administrativa, con matrículas que acadan os 400 euros ; e tiran de «colaboracións externas» opacas para que persoal propio ou alleo que  traballa a xornada completa imparta estes cursos,  mentres o persoal lingüista da Xunta, coordinado por unha contratación privada da EGAP, fica a media xornada e con só sete meses de actividade ao ano.

A EGAP é unha institución pública, non un espazo reservado á compracencia. A crítica sindical non se cala, non se interrompe nin se borra das actas. A CIG-Administración Autonómica esixe que a EGAP remate coas súas redes clientelares e cumpra as funcións para as que foi creada.