A CIG rexeita a decisión de EEUU de recoñecer Xerusalén como capital de Israel

Manifesta o seu apoio ao Pobo Palestino e demanda das institucións que condenen a decisión de Trump
Internacional - 12 Dec 2017

A Confederación Intersindical Galega manifesta o seu apoio ao Pobo Palestino e rexeita rotundamente a decisión de Donald Trump de trasladar a Xerusalén a súa embaixada recoñecéndoa así, unilaterlamente, como capital do Estado Israel. Unha nova violación de Dereito Internacional que dificulta a resolución do conflito por vías pacíficas.

A CIG denuncia que as continuas violacións do dereito internacional e dos dereitos humanos, por parte do estado de Israel, están creando na realidade un apartheid. Israel continúa ocupando ilegalmente, colonizando Palestina e limpando etnicamente a poboación das súas terras. Aos/as refuxiados/as palestinos/as ségueselles negando o seu dereito ao retorno. Cúmprense xa:

  • 50 anos desde a ocupación de Cisxordania e a Franxa de Gaza.
  • 15 anos desde a construción dun muro de apartheid ilegal de máis de 700 Km. de longo.
  • 10 anos desde a imposición dun bloqueo terrestre, marítimo e aéreo na Franxa de Gaza.

Mais as potencias occidentais, con EEUU á cabeza, as súas alianzas na zona, e a propria Unión Europea e os seus estados, seguen colaborando e asinando acordos con Israel, dándolle apoio político, económico e militar, mirando para outro lado, hipocritamente, diante destes incumprimentos e obstruíndo a resolución do conflito por vías pacíficas e con xustiza, segundo os acordos internacionais.

Diante disto a CIG demanda das institucións galegas, do Estado español e internacionais, que manifesten o seu rexeitamento á decisión de Donald Trump, tomen as medidas necesarias para deter este proceso claramente colonizador por parte de Israel e fagan respectar os acordos acadados e os dereitos da poboación palestina, tanto nos seus territorios, como en territorio israelí.