A CIG desmente que TECNOCOM teña vontade real de negociar

O propio Consello Galego de Relacións laborais comunicou á central sindical a negativa da empresa a aceptar a súa mediación

Compostela -

Fronte as afirmacións da empresa Tecnocom de que respecta "escrupulosamente" a lexislación laboral e de que nunca se negou a sentar a negociar coas traballadoras e traballadores a CIG afirma que o propio AGA comunicou á central sindical que tiña que arquivar as actuacións “unha vez transcorrido o prazo concedido á parte empresarial sen prestar -esta- conformidade expresa” co seu inicio.

Diante a negativa da empresa TECNOCOM a sentar a negociar coas traballadoras e traballadores, a CIG solicitou a mediación do Consello Galego de Relación Laborais para que abrira un procedemento e sentara ás partes –empresa e persoal- a negociar.

Porén, o día 27 de setembro, o Consello Galego de Relacións Laborais viuse na obriga de arquivar as actuacións diante da falta de conformidade da empresa para sentarse a negociar.

“A pesar do tempo transcorrido e das mobilizacións realizadas a única comunicación que recibiron os traballadores/as e a representación sindical foi un escrito ameazándoos con medidas disciplinarias e legais polas concentracións convocadas”, explica Renato Núñez, representante da CIG.

Núñez engade que coa nota de prensa enviada aos medios de comunicación por TECNOCOM “cremos que pretenden enganar ao SERGAS e á opinión pública, manipulando e terxiversando novamente a realidade do que está acontecendo neste conflito laboral”.

O representante da CIG lembra que, de feito, teñen convocada unha concentración para o vindeiro día 11 de outubro, ás 9:15 horas diante da sede da empresa no Polígono do Tambre para denunciar a represión sindical que sofren as traballadoras e traballadores por reclamar melloras nas súas condicións laborais.

“Animamos encarecidamente á empresa que se efectivamente ten disposición a negociar se poña de contado en contacto coa representación dos traballadores e traballadoras ou acepte a mediación solicitada no Consello Galego de Relacións Laborais”, conclúe Núñez.

Volver