A CIG e ELA logran que Iberdrola abone os excesos de xornada en períodos de quenda nas centrais hidroeléctricas

O persoal traballaba nalgúns casos até 80 horas anuais a maiores que non se lles pagaban
Nacional - 13 Xan 2026

A CIG e o sindicato vasco ELA veñen de lograr, tras formular unha reclamación por escrito o ano pasado, que Iberdrola comezase a abonar os excesos de xornada realizados tanto diariamente como anualmente en centrais hidroeléctricas debido aos períodos de quenda pechada. Dende a central galega lembran que o persoal facía nalgúns casos até 80 horas anuais a maiores que non se lles pagaban.

Na súa reclamación conxunta os dous sindicatos demandaban tamén o pagamento ao 175% da compensación por cambio de día de descanso a partir da segunda ocasión que se fixese o cambio cando se pasa de xornada normal e/ou mantemento a quenda pechada, e viceversa. 

As centrais continúan á espera de resposta sobre a reclamación para a compensar ao 175% polo cambio dos días de descanso

Dende a CIG explican que as crecidas dos ríos provocan cambios no calendario do persoal das centrais hidroeléctricas que se traducen en excesos de xornada anuais polas quendas que realizan para atender 24 horas os vertidos dos encoros e manobrar as comportas para controlar esas crecidas, excesos que nalgúns casos podían superar en 80 horas anuais o establecido en convenio. O que significa que este persoal traballa até 10 días máis ao ano dos marcados en convenio sen recibir remuneración algunha, algo que vai mudar agora tras a reclamación sindical.

Para isto realizarase o axuste de xornadas ao finalizar o ano comparando as xornadas traballadas coas 220 establecidas en convenio, e compensaranse os posibles excesos de xornada aplicando o disposto na Norma NP-005 ‘Regulación do réxime de traballo a quendas en Iberdrola Grupo2 (75% + descanso). De xeito que este mes regularizaránselle individualmente a cada persoa traballadora os posibles excesos de xornada que puidese ter en 2025 aplicando estes criterios. As centrais sindicais instan a cada persoa traballadora a realizar os cálculos, aínda que en caso de dúbida a empresa revisará directamente con cada persoa o regularizado en cada caso.

Posible reclamación xudicial

Ao mesmo tempo, a CIG e ELA amosan a súa satisfacción polo feito de que se vaian abonar os excesos de xornada que non se estaban pagando. “Pero ao realizar a reclamación por escrito en 2025 entendemos que temos o dereito e a obriga de reclamar os excesos realizados en 2024, polo que se non temos confirmación formal de que se abonarán os de 2024 continuaremos con esta reclamación por vía xudicial para defender os dereitos das persoas traballadoras afectadas”.

Finalmente, lembran que continúan á espera de contestación do segundo punto da reclamación para a compensación ao 175% polo cambio dos días de descanso, “que en caso de non aceptarse tamén continuaremos coa súa reclamación por vía xudicial”.