A CIG empraza os/as responsábeis das organizacións políticas a apoiar a folga xeral do 19-X

Ante a necesidade de intensificar a defensa dos nosos dereitos laborais e sociais e dun futuro digno
Nacional - 21 Mai 2018

A CIG vén de dirixirse ás organizacións políticas Agora Galiza, Anova, BNG, Causa Galiza, Cerna, Compromiso por Galiza, En Marea, Esquerda Unida (Galiza e Estado), PCPG, Podemos (Galiza e Estado), PSOE (Galiza e Estado) ante a convocatoria de Folga Xeral para o próximo 19 de xuño, convocada baixo o lema “Sumando loitas. Sobran razóns. Pola Recuperación dos nosos Direitos. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical fai un chamamento a estas forzas políticas “en apoio a esta Folga Xeral e ás propostas reivindicativas, conscientes da coincidencia con nós na necesidade de dar este salto adiante na defensa dos nosos dereitos e dun futuro digno”.

A CIG lembra a todas estas organizacións que as decisións políticas adoptadas desde o inicio da crise económica “téñense demonstrado un auténtico roubo e saqueo á clase traballadora e ao conxunto do pobo galego” e que a recuperación económica da que se fai propaganda a diario non existe. “É só para as persoas ricas, que aumentan a súa riqueza, a conta dun emprobrecemento xeral”.

Ter un traballo non permite vivir en condicións dignas

Neste sentido subliña que “medra o paro e baixa a poboación activa” e que a taxa de paro é do 15,08%, “maior que no ano 2009”. Denuncia ademais que hoxe, “ter un traballo non permite vivir en condicións dignas”, que as pensións “non garanten poder adquisitivo” e atribúe esta situación as reformas do sistema público de pensións, do 2011 e 2013, que fan que na Galiza teñamos as pensións máis baixas do Estado español e á reforma laboral, que “impón pobreza laboral, non hai creación de emprego, hai precariedade, contratos de traballo en condicións escravizantes, a tempo parcial e salarios miserentos que tan siquera chegan ao salario mínimo interprofisional”.

Salienta ademais que cada día son máis as persoas no desemprego que non perciben ningún tipo de ingresos; que non para a emigración de xente nova, deixando sen futuro á sociedade galega e que medran os sectores sociais abandonados polas Administracións ante os recortes sociais e privatizacións dos servizos públicos, do ensino, sanidade, servizos socias, etc…

Denuncia que “criminalizan, reprimen, encadean a quen se mobiliza, quen exerce a liberdade de expresión, quen defende os  dereitos da clase traballadora e quen loita polos dereitos das nacións que integramos o Estado español”.

Falta de iniciativas da Xunta de Galiza

Denuncia, sobre todo, que o Goberno de Feixó non toma iniciativas ante esta grave situación, “sométese a estas políticas decididas en Madrid e Bruxelas, actuando só en favor dos Fondos de Inversión, que acumulan máis riqueza en menos mans, lonxe de Galiza” e que o Goberno español do PP, en minoría parlamentar, está “cheo de corrupción” e “con total impunidade, reforza os recortes nos Orzamentos do Estado, sen unha oposición  capaz de poñerse de acordo para botalos das institucións, e acabar con todas estas reformas laborais e sociais que tanto dano fan”.

Por iso considera que “non se pode agardar máis. Está en xogo evitar que as novas xeracións vivan en peores condicións que as anteriores” e entende que a folga xeral “é a resposta necesaria da clase traballadora  para demostrarlle ao poder económico e político a nosa disposición de loitar pola recuperación dos nosos dereitos e por un futuro digno”.

Sobran razóns para a convocatoria de Folga Xeral

Para esixir a derrogación das reformas laborais e da negociación colectiva. Debilitan á clase traballadora, precarizan o emprego, estabelecen novas formas de explotación laboral.

Para conseguir avances reais para as mulleres. A Folga do 8 Marzo debe traducirse no remate da fenda salarial, da temporalidade, do acoso sexual e laboral, das discriminacións por maternidade… A sentenza da Audiencia de Navarra confirma que a violencia patriarcal está instalada en todos os aparatos do Estado.

Para defender as pensións públicas. O PP non pode desoír o clamor social de pensións dignas. É a mellor defensa ante a próxima reforma do Pacto de Toledo. As medidas anunciadas nos Orzamentos é un engano, se non se derrogan as reformas de 2011 e 2013,o roubo ás pensións seguirá.

Contra os abusos da patronal, reforzada con estas políticas antiobreiras, paralizada a negociación colectiva, atacan as nosas condicións laborais e salariais, impón convenios estatais que non satisfan as nosas reivindicacións de emprego e salarios dignos.

Para frear as duras políticas do PP contra os/as desempregados/as. O Goberno de Raxoi prepara un novo recorte ao sistema de protección por desemprego, unificando as prestacións asistenciais para reducir o tempo e as contías dos subsidios.

Para acabar cos recortes sociais e a privatización de servizos públicos, lograr a derrogación da LOMCE e da Lei de Saúde da Xunta de Feixoo. Para que o Ensino e a Sanidade sigan sendo galegas, públicas, universais, gratuítas e de calidade.

Para impedir o retroceso nas liberdades democráticas e nos dereitos fundamentais, da Lei Mordaza e da última reforma do Código Penal.

Pola rexeneración democrática fronte á corrupción actual, ante a crise política e institucional do réxime imposto coa Constitución do 78, que pretenden perpetuar a toda costa.

Por solidariedade e unidade da clase traballadora. Cómpre rachar a dupla realidade dentro da clase traballadora, de explotadas e sobre-explotadas. A precariedade e a pobreza laboral pódense facer imparábeis.

Para conquistar o dereito a vivir e traballar dignamente na Nosa Terra. Para que a riqueza dos nosos recursos se utilicen para industrializar, criar postos de traballo dignos e mellores servizos públicos. Para que a nosa emigración poida retornar.