A CIG, en pé de guerra contra o acoso laboral e a represión sindical na Residencia Geriátrica Salvatierra

Desenvolveu unha concentración ás portas da empresa para denunciar o despido de varias afiliadas da central

Salvaterra do Miño -

A CIG iniciou onte unha campaña de mobilizacións para rexeitar o acoso laboral e a represión sindical na empresa Residencia Geriátrica Salvatierra despois de que a dirección sancionase e despedise a varias traballadoras afiliadas da central que se presentaron ás eleccións sindicais. Coa protesta, que consistiu nunha concentración diante das instalacións do centro de maiores en Salvaterra do Miño, reclámase a readmisión das afectadas e a intervención da Xunta no conflito.

Dende a Unión Local do Porriño explican que a empresa propiedade da familia Ibañez, que mantén unhas condicións laborais de explotación dende hai anos, leva uns meses “exercendo un acoso vil sobre algunhas compañeiras, mediante o uso de violencia verbal, coa intención de conseguir despidos baratos de persoal con antigüidade”. Como consecuencia, dúas traballadoras atópanse de baixa médica por depresión, situación que foi denunciada diante da Inspección de Traballo.

Neste contexto, catro afiliadas da CIG decidiron dar un paso á fronte e promoveron eleccións sindicais na empresa, “que sempre atopa, grazas ao medo é as 'gratificacións voluntarias', peóns para facerlle o xogo; CCOO fixo o resto, amañando unha candidatura no despacho da dirección; deste xeito gañaron o proceso electoral o pasado 22 de maio".

Tan só dez despois a empresa decide abrir “tres expedientes disciplinarios falsos” coa intención atacar ás afiliadas da CIG, que supoñen o despedimento de tres compañeiras “unicamente por defender a súa dignidade”. A central decide entón presentar denuncia nos Xulgados e diante da autoridade laboral. “Pelexaremos pola súa readmisión e chegaremos até onde sexa necesario para conseguilo”, ao tempo que lle reclaman á Consellaría de Política Social que revise a concesión coa residencia e lle esixen unha boa xestión dos recursos públicos.

Só unha enfermeira/o por quenda

Na CIG explican que no centro traballan na actualidade sete auxiliares na quenda de mañá, sete na de tarde e dous na de noite. “Atenden a 106 residentes, moitos/as deles/as encamados/as, tendo cada auxiliar menos de quince minutos para erguelos/as, asealos/as e vestilos/as”.

Ademais, contan unicamente cunha enfermeira/o por quenda e unha soa cociñeira fai menús, atende pedidos e cociña para os 106 residentes; e dúas limpadoras teñen que encargarse de 53 camas cada unha en sete horas de traballo. “Atopámonos con profesionais con xornadas extenuantes atendendo a persoas dependentes que merecen máis do que elas lle poden dar”. E todo isto por salarios de menos de 1000 euros mensuais, “con nóminas mal calculadas polas que hai que agardar ató o día sete o oito do mes”.

Diante disto, solicitan das familias e dos residentes o seu apoio ás traballadoras/es que atenden aos seus familiares, e de igual xeito que fai a CIG lle esixan á empresa un bo trato para con elas/es, “xa que con seguridade iso mellorará o benestar dos internos/as”. Finalmente, reclaman a solidariedade das familias e do Concello de Salvaterra con esta loita e instan a Xunta a intervir no conflito como responsábel das prazas públicas concedidas no centro.

Volver