A CIG-Ensino anima o profesorado a sumarse á campaña #AbrideAFriesta a Rosalía

Súmase á iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega

Nacional -

Un ano máis a Consellaría de Educación non quixo darlle oficialidade ao 24 de febreiro como o Día de Rosalía, como si o fai con outras 14 conmemoracións que figuran no calendario escolar galego. Porén, son moitos os actos que están programados hoxe e mañá en todo o país para darlle a relevancia que se merece a esta figura histórica da nosa lingua e cultura. Entre todas estas actividades, a CIG-Ensino sumouse á campaña da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) que este ano propón celebrar esta data agasallando cun libro e unha flor e que dá ideas para pór en práctica co alumnado.

Baixo o lema #AbrideAFriestra, a campaña pretende conmemorar o nacemento da escritora galega máis universal, unha figura que destacou pola súa afouteza, valentía e determinación rescatando o galego do ostracismo e dándolle unha nova vida a partir do Rexurdimento do seu uso literario.

Tal e como afirma o manifesto da AELG, redactado pola escritora María Reimóndez, está na nosa man abrir esa fiestra “para vermos a muller, a escritora, a irredutíbel. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir”.

A hora lectora, con Rosalía

Son moitos os centros docentes, tanto de primaria como de secundaria, que contan no seu horario coa hora lectora ou cun club de lectura.  Por iso a CIG-Ensino anima o profesorado a empregar textos de Rosalía nesa hora lectora ou en calquera outra actividade programada arredor da lectura co fin de divulgar deste xeito a nosa autora.

Pero alén disto existen tamén outras propostas dentro da campaña #AbrideAFiestra que se poden promover nos centros ao longo desta xornada.

Educación Infantil e Primaria

Para estas etapas o lema da proposta #AbrideAFiestra pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno facerse cómplice da Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa dos seus libros, proponse que cada estudante elabore, nun material que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior da mesma (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente.

Esta iniciativa pretende ademais que o alumnado comparta esta celebración coa súa familia e veciñanza. Para isto poderían tirarse fotografías do estudantado, acompañado ou non de adultos, portando un pequeno cartel cun verso rosaliano da súa escolla e mostrándoo nesas fiestras.

A documentación gráfica xerada por estas actividades pode compartirse nas redes durante o día de hoxe e mañá tanto polo centro de ensino como polas familias coa etiqueta #AbrideAFiestra. Tanto desde a CIG-Ensino como desde a AELG colaborarase na difusión desta campaña a través da web e das redes sociais.

Educación Secundaria, Formación Profesional e Bacharelato

As propostas para estas etapas educativas pasan pola escenificación e gravación de mostras visibilizadoras da obra rosaliana que sigan o fío do lema #AbrideAFiestra, de xeito que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía e contribúa a espallala colectivamente, quebrando os muros herméticos e escuros que noutro tempo a silenciaron e que hoxe parece que tamén a queren invisibilizar.

Para estes efectos, a CIG-Ensino suxire traballar sobre o texto do manifesto da AELG no Día de Rosalía de Castro. Estas accións, en calquera formato que prosperen, tamén poden subirse polos centros á rede coa etiqueta #AbrideAFiestra e serían espalladas durante o día de mañá pola AELG e a CIG-Ensino. Desde as dúas entidades convidan a toda a comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Volver