A CIG-Ensino denuncia o borrado sistemático das baixas para a súa non substitución

A Consellaría borra as baixas dos listados de substitucións evitando así a transparencia e o control da non substitución do profesorado nos centros educativos galegos
Nacional - 25 Abr 2024

A CIG-Ensino leva tempo denunciando o borrado sistemático das baixas por parte da Consellaría. Calquera baixa que non supere amplamente os 15 días é borrada dos listados, dá igual que desde os centros (son os encargados de subir as baixas ao sistema) indiquen que vai a haber continuidade na baixa, que esta baixa sexa indispensábel para o centro ou que o profesorado atenda a alumnado con necesidades educativas de apoio educativo.

A Consellaría segue a táctica de non cubrir as baixas cando se producen, deixando que o tempo xogue ao seu favor. Teñen determinado non realizar chamamentos todos os días e cando os realizan, soamente dous días á semana, non cobren aquelas que nese momento sexan inferiores a 15 días, por máis que superasen eses 15 días cando foron comunicadas. Deste xeito, con este procedemento, están deixando de cubrir baixas, baixas que, como dicimos, logo son borradas da web coma se nunca tivesen existido.

Xa non só o di o sindicato, son numerosas as mensaxes como a da imaxe que acompaña a nova: "Por favor, non borren esta baixa, xa é a terceira vez que o fan. Posible Continuación”.

Ás baixas por enfermidade hai que sumar a non cobertura das baixas do profesorado que participa en programas de intercambios con outros centros educativos do ministerio ou da propia Consellaría.