CIG-Ensino e Mesa protestan contra a discriminación do galego nas aulas

Os cambios na carga lectiva de diferentes materias da ESO e o decreto do Plurilingüismo minimizan a presenza da nosa lingua

Nacional -

A CIG-Ensino e a Mesa pola Normalización Lingüística concentráronse na mañá deste mércores 14 de decembro diante da Consellaría de Educación contra a redución do horario lectivo en galego na ESO provocado pola implantación da LOMCE.

Na concentración, o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, acusou á Consellaría de Educación de aproveitar a implantación da LOMCE para reducir a presenza do galego nas aulas. Louzao denunciou que as modificación introducidas na carga lectiva de diferentes materias da ESO incrementan a discriminación da nosa lingua respecto a xa contemplada no Decreto do Plurilingüismo pensado “para erradicar o galego como lingua vehicular no ensino”.

A situación coa LOMCE agrávase pois o alumnado de ESO ten 31 horas en español fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas e  21 se cursa ensinanzas académicas. É dicir, o alumnado recibe 13 horas menos de docencia en galego que en español na modalidade de ensinanzas aplicadas e 10 menos nas académicas, no conxunta da ESO. Os datos poñen de manifesto, segundo explicou Louzao, que estamos ante unha nova actuación de “agresión brutal e inasumible” cara o noso idioma por parte do Goberno galego “que non imos consentir e que son a evidencia máis probada de que o Decreto do Plurilingüísmo naceu para perseguir e erradicar a nosa lingua”.

Tamén o presidente da Mesa , Marcos Maceira, insistiu en que o obxectivo da Xunta é converter o galego nun “elemento accesorio”, “decorativo”, “prescindible” e “anecdótico”. As actuacións da Xunta advertiu están encamiñadas a que o alumnado non teña competencia suficiente en galego cando remata o ensino obrigatorio. Na actualidade, segundo os datos aportados pola CIG-Ensino da Mesa, o uso do galego no ensino non chega ao 15%. Se queremos que o galego sexa unha lingua normalizada o ensino debe vehiculizarse no noso idioma pero o Goberno galego vai na dirección contraria, defenderon.

Diante desta situación, a CIG-Ensino e a Mesa presentaron o luns 12 decembro unha queixa na Valedora do Pobo solicitando que inste á Consellaría de Educación a que paralice esta nova agresión ao galego.

Volver