A CIG-Ensino exixe convenio propio galego para o persoal dos centros de atención a persoas con discapacidade

Delegados/as concentráronse diante da Consellaría de Política Social e entregaron máis de 773 sinaturas de traballadores/as en demanda de mellores condicións laborais

Compostela -

Delegados e delegadas da CIG-Ensino dos centros de atención a persoas con discapacidade concentráronse este mércores diante da Consellaría de Política Social para esixir un convenio propio galego. Esta concentración coincidiu coa entrega de 773 sinaturas de traballadores e traballadoras deste centros que demandan  a mellora das súas condicións laborais e de 66 delegados e delegadas dun total de 95 electos.

Esta concentración forma parte da campaña que está a desenvolver a CIG-Ensino diante dos últimos recortes feitos pola Consellería de Política Social nos centros de atención a persoas con discapacidade e do deterioro das condicións laborais nos últimos convenios de ámbito estatal. Nas últimas semanas a CIG-Ensino realizou asembleas informativas nestes centros e recolleu sinaturas en apoio a estas demandas.

O secretarío nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, valorou como “moi satisfactoria” a resposta dos traballadores e das traballadores a esta campaña xa que máis do 70% dos delegados/as e membros dos Comités de Empresa e a metade do cadro de persoa apoiaron coa súa sinatura a táboa reivindicativa.

Anxo Louzao insistiu na necesidade de que exista unha Convenio galego que regule as condicións laborais deste persoal e subliñou como prioridade tamén que os centros que prestan este servizo -que debería ser público- pasen a depender directamente da Consellaría de Política Social.  Mentres isto non se produce, dixo, teñen que garantirse subvencións suficientes para que o persoal e os usuarios/as non sigan pagando as consecuencias dos recortes e da política errática da Xunta, dixo.  O secretario nacional da CIG-Ensino tamén denunciou o desprezo absoluto que amosa o conselleiro de Política Social que aínda non accedeu a manter unha entrevista que a CIG-Ensino solicitou hai máis de tres meses.

A continuación reproducimos as demandas recollidas na táboa reivindicativa:

  • Esiximos que a Xunta de Galiza asuma na súa totalidade a xestión dos servizos destes centros, como centros públicos para todos os efectos, e o mantemento dos postos de traballo do persoal actual.

 

  • Mentres isto non se leve a cabo, demandamos o incremento das partidas orzamentarias para o sector e que os centros reciban as subvencións necesarias para prestar o servizo cun mínimo de calidade, mellorar a situación dos usuarios e usuarias e as condicións de traballo do persoal. Así mesmo, que se acurten os prazos de aboamento das subvencións, para evitar retrasos no pagamento das nóminas, e que a Administración galega poña en marcha os mecanismos necesarios para facer un seguimento das subvencións recibidas por este tipo de centros.
  • Denunciamos as condicións precarias que sofren os traballadores e traballadoras dos centros galegos afectados polo XIV Convenio colectivo estatal de centros de atención a persoas con discapacidade. Esta precariedade conduce a un deterioro da calidade dun servizo que debería procurar a mellora dos seus recursos materiais e humanos, en vez de centrarse en criterios mercantilistas.
  • Rexeitamos o actual convenio estatal, xa que as súas condicións impiden que os traballadores e traballadoras poidan realizar o seu labor dun xeito digno e, ademais, estabelece unha clara discriminación entre o persoal, en función das tres tipoloxías de centros que recolle.
  • Consideramos que non se están a ter en conta as características específicas destes centros na Galiza nin, consecuentemente, as condicións laborais propias dos traballadores e traballadoras galegas que ven así limitada a súa capacidade de influír no proceso negociador.
  • Dado que as competencias sobre as subvencións coas que se financian estes centros están transferidas á Xunta de Galiza, demandamos da Consellería de Asuntos Sociais o inicio dunhas negociacións nas que participen as patronais do sector (maioritariamente asociacións) e as organizacións sindicais, en función da súa representatividade, que nos permitan acadar un convenio galego que mellore substancialmente as condicións recollidas no convenio estatal e o financiamento destes centros.

Estamos dispostos e dispostas a iniciar un proceso de mobilizacións para esixir o cumprimento destas demandas.

Volver