A CIG-Ensino exixe que se poña fin aos abusos de autoridade por parte dalgúns inspectores e inspectoras

Na provincia de Pontevedra xa existe unha resolución da Xunta de Persoal aprobada por unanimidade

Nacional -

A CIG-Ensino exixe da Consellaría de Educación que traslade a todas as Xefaturas territoriais instrucións claras e contundentes para erradicar os abusos de autoridade de determinados inspectores e inspectoras e que aplique o Réxime disciplinario se corresponder.

Nos últimos cursos, nomeadamente nos cursos 2015-16 e 2016-17, a CIG-Ensino comprobou e tomou nota dos abusos de autoridade de determinados inspectores e inspectoras, dos que ten unha relación nominal. En cada caso a CIG-Ensino estivo ao lado do profesorado agredido e denunciou ante a Xefatura de Inspección, a Xefatura Territorial ou mesmo a Dirección Xeral de Persoal os abusos cometidos.

A CIG-Ensino considera que os casos acaecidos non poden quedar sen máis nunha paralización dos abusos, senón que cómpre que a Consellaría actúe na mesma proporción que actúa contra o profesorado, pois os abusos cometidos tiveron, de feito, consecuencias, nomeadamente a intranquilidade do profesorado cuestionado ou investigado, e o acoso ao que se veu sometido.

“Estamos falando de actuacións graves como negar a lexislación vixente, impor o seu criterio persoal en contra da lexislación, impor nomeamentos de dirección en contra da vontade da/os afectada/os, negarlle aos centros e ao seu claustro de profesorado os dereitos que establece a lexislación, abrir expedientes ao profesorado que puxo en coñecemento da inspección situacións irregulares, corrixir de maneira despectiva e insultante a documentación elaborada polo profesorado, etc”, denuncia.

Xunta de Persoal de Pontevedra

En relación con este tema, a CIG-Ensino xa presentou unha proposta de resolución na Xunta de Persoal de Pontevedra, unha das que acumula máis abusos. A proposta de Resolución presentada pola CIG-Ensino foi aprobada por unanimidade na Xunta de Persoal e dicía así: “A Xunta de Persoal Docente de Pontevedra esixe da Xefatura Territorial e da Xefatura de Inspección que se corrixa a actuación que están tendo algúns inspectores nos últimos cursos.

Consideramos que se está utilizando ou permitindo actuacións dalgúns inspectores que teñen por único obxecto amedrentar o profesorado ou reprendelo. Falamos de casos que son case, ou son sen máis, persecucións. Algo que chama a atención cando, os mesmos inspectores non actúan ao demandarllo os centros ou o profesorado, deixando de actuar fronte a situacións claramente irregulares e perseguindo a quen detectou algunha irregularidade.

Entendemos que a inspección ten outras funcións. Sabemos que estamos a falar de casos excepcionais, mais consideramos que deben ser advertidos e deben provocar na propia inspección unha reacción que os emende con, polo menos, o mesmo grao de repercusión co que se produciu a actuación, de forma que se corrixan no posíbel e se eviten no futuro. O autoritarismo e o abuso do poder deben ser desterrados”.

A CIG-Ensino esixe da Consellaría que se advirta e se tomen as medidas correspondentes en relación ao persoal de inspección que abusa da súa autoridade e mesmo acosa o profesorado, e que se lle aplique o réxime de sancións que prevé o Réxime Disciplinario de aplicación ao funcionariado.

Volver