A CIG-Ensino lamenta profundamente a perda de Agustín Fernández Paz

"A súa memoria debe permanecer entre as xeracións que se incorporan á docencia, pois teñen no noso escritor un exemplo de referencia"
Compostela - 12 Xul 2016
A CIG-Ensino manifesta que estamos ante unha perda irreperábel  pola súa contribución á nosa cultura e polo seu empeño permanente en prol da nosa lingua, para que acadase a normalización plena. A defensa do idioma foi a tarefa central da súa vida. Como narrador e como docente dedicou os seus esforzos a construír a literatura de noso e a formar nenos e nenas e profesorado no amor ao noso idioma.

Desde a CIG-Ensino sempre lle agradeceremos a súa permanente disposición a colaborar e comprometerse con todas as propostas que lle fixemos en defensa do ensino público e do ensino en galego.

A CIG-Ensino considera que a súa memoria debe permanecer entre as xeracións que se incorporan á docencia, pois teñen no noso escritor un exemplo de referencia. Por iso queremos hoxe lembrar estas palabras súas nun dos seus últimos escritos, o manifesto elaborado para Queremos Galego no ano 2012, lido o 17 de maio na Quintana. Palabras que son mostra do seu compromiso co idioma e da súa lúcida visión da situación da nosa lingua:

“Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.

Que ilusos! … Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.

... Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel...

Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2016

CIG-Ensino