A CIG-Ensino levará á Mesa Sectorial diferentes propostas para modificar o calendario escolar para o curso 2016-2017

Trataranse tamén as ordes de adxudicación de destinos provisionais, entre outros temas

Compostela -

A CIG-Ensino vén de recibir diferente documentación para a próxima reunión da Mesa Sectorial. Entre os temas que se tratarán nesa mesa está o Calendario escolar para o vindeiro curso, do que se entrega un borrador. A CIG-Ensino anuncia que levará diferentes propostas para a súa modificación no curso 2016-2017.

Unha vez máis, a CIG-Ensino ten que manifestar o seu rexeitamento a que cuestións alleas á docencia, como son as festividades relixiosas, marquen o calendario escolar e provoquen a descompensación entre os tres trimestre do curso, con diferenzas que no caso do primeiro trimestre chega ser de vinte e un días lectivos máis có terceiro, ou quince días entre o segundo e o terceiro. A CIG-Ensino reclamará unha vez máis que se procure unha compensación entre os tres trimestres.

A proposta da Consellaría si recolle algunhas das demandas que a CIG-Ensino veu realizando para todos os calendarios escolares, como é que o mércores de cinzas sexa non lectivo.

A proposta que nos achegou a administración prevé para educación infantil e primaria que o curso se inicie o 12 de setembro e remate o 23 de xuño e no resto do ensino obrigatorio iniciaríase o 15 de setembro e rematará o 23 de xuño.

En relación ao inicio do curso tanto nas ensinanzas especiais, como na FP, a Consellaría prevé que se inicie o curso o día 15 de setembro, antes de estar rematadas as probas de selectividade (rematan o 16 de setembro), o que vai supor un agravio comparativo para este alumnado, polo que a CIG-Ensino vai propor que se atrase o inicio de curso nestas etapas de maneira que o alumnado no se vexa prexudicado.

A Consellaría propón como día do docente (unificación das anteriores celebracións proposta pola CIG-Ensino) o 31 de outubro, luns anterior ao festivo do 1º de novembro.

Mais unha vez a Consellaría non inclúe, a pesar das nosas continuas solicitudes, o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro como unha conmemoración centrada no recoñecemento e difusión da autora que simboliza o Rexurdimento da nosa lingua e a nosa literatura. Todas as culturas teñen personalidades de relevo, e seguimos sen comprender que a Consellaría se negue a recoller esta proposta que non inflúe nos días lectivos e tería unha importante repercusión para a normalización da nosa lingua e a nosa cultura.

A CIG-Ensino tamén defenderá que se restaure a xornada reducida de xuño e setembro, considerando ademais que o calendario galego é o de máis horario lectivo.

Estas serán algunhas das nosas propostas que defenderemos na Mesa Sectorial do próximo martes na que tamén de se van tratar, entre outros temas, as ordes de adxudicación de destinos provisionais para o vindeiro curso.

 

 Proposta calendario escolar 2016-2017

Inicio de curso

12/09 Primaria, 15/09 demais etapas

Remate de curso

23/06 Primaria, Secundaria, FP  30/09 E. de réxime especial.

Nadal

De 22/12 a 6/01 ambos os dous inclusive

Entroido

De 27/22 a  1/03 ambos os dous inclusive

Semana Santa

De 10 a 17/04 ambos os dous inclusive

Día do docente

31/10

 

Volver