CIG-Ensino pide cumprir o mandato do Parlamento para recuperar Filosofía como troncal en Bacharelato

A central remitiu un escrito á Consellaría de Educación
Nacional - 26 Xan 2018

Con data 24 de xaneiro o sindicato rexistrou un escrito dirixido ao conselleiro de Educación instándoo a negociar a modificación do Decreto 86/2015, do 25 de xuño, que regula o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato en Galiza para incluír a obrigatoriedade da Historia da Filosofía en 2º de Bacharelato.

Após a entrada en vigor da LOMCE -que lle retirou o status de materia troncal en todos os itinerarios do Bacharelato á Filosofía e das múltiples protestas da comunidade educativa, nomeadamente do profesorado desta especialidade e das familias, o pasado 18 de outubro o Pleno do Parlamento galego aprobou por unanimidade unha Proposición non de Lei (PNL) de iniciativa popular para recuperar a obrigatoriedade de cursar Historia da Filosofía en 2º de Bacharelato.

A día de hoxe, a Consellaría de Educación non lle comunicou á CIG-Ensino ningunha proposta conducente a aplicar a este acordo, malia que en breve ten que coñecerse a oferta educativa do vindeiro curso para facilitar a matrícula e a confección de horarios nos distintos centros educativos.

Tendo en conta a premura das datas nas que nos atopamos, esta semana a CIG-Ensino rexistrou un escrito dirixido ao conselleiro no que solicita que se negocie na Mesa Sectorial a modificación do Real Decreto que regula o currículo do Bacharelato para evitar crear confusión e incerteza tanto no persoal docente de Filosofía, como no do resto de materias que tamén se vería afectado polo cambio de horario, nos equipos directivos, que precisan organizar o curso escolar 2019/2019, e no propio alumnado que está nestes intres cursando 1º de Bacharelato.