A CIG esixe “seriedade e formalidade” no peche das negociacións do convenio da conserva
A CIG esixe “seriedade e formalidade” no peche das negociacións do convenio colectivo estatal do sector das conservas de peixe e marisco despois de que se lle fose comunicada a suspensión da xuntanza no Servizo Interconfederal de Arbitraxe (SIMA) cando a súa representación xa se atopaba en Madrid. Diante disto, a central sindical reclamou por escrito unha explicación formal dos motivos que levaron a suspender o encontro e solicita a fixación dunha nova data.
A reunión da comisión negociadora estaba prevista para as 12:00 horas, porén nada máis chegaer ás dependencias do SIMA o coordinador do organismo comunícalle á representación da CIG que ás 8:15 horas chamaran da patronal informando de que cancelaba a sala que tiña reservada.
“As persoas representantes da CIG non fomos informadas nin da cancelación nin de ningunha modificación da devandita reunión, polo que descoñecemos os motivos polos que non se celebra a reunión da comisión negociadora no SIMA e non se nos informou dos cambios na convocatoria”, denuncia Mar Vila, da FGAMT-CIG.
No escrito remitido ás distintas partes que integran a mesa negociadora a central sindical demanda unha explicación formal sobre o acontecido e solicita que se fixe unha nova data para o encontro. “Tamén pedimos saber se no día de hoxe se está a celebrar ou se vai celebrar nalgún outro lugar de Madrid unha reunión paralela, sen aviso previo a esta parte”.
Entrega de sinaturas
Ao mesmo tempo, advirte da posíbel vulneración do dereito de liberdade sindical (artigos 28 CE e 89 do Estatuto dos Traballadores/as), entre outra normativa legal, e de negociación de boa fe “cun xeito de actuar que supón ademais unha falta de respecto”. Tendo en conta ademais que a representación da CIG coincidiu cunha parte da mesa negociadora no mesmo voo dende Vigo “e non se nos comunicou nada”.
Finalmente, lamenta que a suspensión do encontro impediu que a súa representación puidese facer entrega do resto das máis dun milleiros de sinaturas recollidas entre as persoas traballadoras e delegadas do sector rexeitando o acordo de CCOO e UGT coa patronal e reeclamando a continuidade das conversas co obxectivo de pactar un convenio cunha suba salarial real, con redución da xornada e cunha clasificación profesional que remate coa discriminación de certas categorías.