A CIG esixe un novo convenio da carpintería que acabe con 3 anos de parálise no sector

Desde o 2010 desapareceron a metade das empresas e o 38% dos postos de traballo do sector na provincia da Coruña

A Coruña -

A Federación de Construción e Madeira da CIG denunciou esta mañá ante a Confederación de Empresarios da Coruña que, 3 anos despois da súa caducidade, o Convenio de Carpintería e Ebanistería segue sen asinarse, situación de parálise da que a CIG culpa directamente ao desmantelamento da patronal AECEC. En consecuencia produciuse un aumento da precariedade no sector e unha perda económica que a central estima nuns 520€ por traballador/a.

O Convenio de Carpintería e Ebanistería da provincia da Coruña afecta a 1.600 traballadores e a uns 200 centros de traballo, "ao que se sumamos toda a actividade relacionada que xera (rematantes e serradoiros, instaladores...), a madeira ocupa na provincia a algo máis de 500 empresas que contan cuns 2.800 empregados/as", apuntan dende a FCM-CIG.

Estas cifras reflicten o dramático descenso de actividade no sector, pois no 2010 ocupaba 1.000 empresas con máis de 4.500 traballadores/as. Isto significa que en só 5 anos desapareceron case 500 empresas, é dicir, o 49% do sector, e destruíronse case o 39% dos postos de traballo directos.

"Non é admisíbel que neste escenario crítico, a patronal opte directamente polo abandono do convenio, pois isto agrava a situación ao provocar a desregulación da actividade e por tanto máis inestabilidade nun sector que non hai tanto tempo era (e deberá volver ser) estratéxico no noso País", subliña Mario Maceiras, da FCM da Coruña.

Diante deste bloqueo, a Federación leva semanas desenvolvendo unha intensa campaña para esixir á patronal coruñesa "que tome cartas no asunto" e convoque ás partes a negociar un novo texto que actualice os salarios e remate coa inestabilidade que se vive no sector.

Campaña informativa nos centros de traballo

Esta campaña iniciouse co envío de cartas as patronais e empresas para denunciar esta situación, seguido dun reparto masivo de información entre os traballadores e as traballadoras de todas as carpinterías da provincia.

E finalmente, a mobilización deste venres, que reuniu a unha trintena de delegados/as sindicais das maiores empresas do sector, "e que non será a última se a situación non se corrixe á entrada do 2017".

Volver